Arde por completo e afúndese un pesqueiro vasco atracado no peirao de Camariñas
Arde por completo e afúndese un pesqueiro vasco atracado no peirao de Camariñas
Salvamento Marítimo traballou na extinción do lume desde o seu buque Salvamar Altair, e precisou que na cuberta do barco había dúas bombonas de butano
O suceso, que non afectou outras embarcacións, provocou grande alarma polos fortes estoupidos
Despregáronse barreiras anticontaminación tras o afundimento do pesqueiro
O pesqueiro atracado no peirao de Camariñas, que ardeu durante toda a noite, con medios desprazados actuando no punto ata primeira hora da mañá deste mércores, afundiuse, segundo informa Salvamento Marítimo (Sasemar).
En concreto, ás 10:15 horas, bombeiros de Carballo confirmaron o afundimento do pesqueiro. Ademais, Sasemar explica que se despregaron barreiras anticontaminación por Gardacostas.
Pasados dez minutos das dúas da madrugada, un particular informou ao 112 Galicia de que estaba a arder un barco de pesca atracado no novo peirao de Camariñas. Tamén explicaba que as lapas xa alcanzaban o posto de mando e que se escoitaban explosións, sen que houbese persoas afectadas.
Desde o 112 informouse a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, á Garda Civil, aos Bombeiros de Cee e de Carballo e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Camariñas.
Foron estes últimos os que, ao chegar ao lugar, comprobaron que na embarcación había varios elementos de risco como bombonas de osíxeno. Nese momento, Salvamento Marítimo traballaba xa na extinción do lume desde o buque Salvamar Altair. Tamén precisaron que na cuberta do barco había dúas bombonas de butano.
Con todo, confirmaron que non había outras embaracións próximas que corresen perigo. Ademais, a Xunta activou o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental en fase de alerta para conter e controlar unha posible vertedura polo incendio.
Pouco antes das nove da mañá, os Bombeiros de Carballo sinalaron desde o punto que o lume estaba controlado, aínda que seguían traballando para o seu total extinción, resultando só afectado o barco no que se orixinou.
Desde Salvamento Marítimo, explicaron que pasadas as dúas da madrugada o 112 informou o Centro de Coordinación de Salvamento (CCS) de Fisterra de que o pesqueiro Jaungoikoa estaba incendiado na súa atracada do porto de Camariñas, sen tripulación a bordo.
Ao lugar, mobilizou a embarcación de Salvamento Marítimo Salvamar Altair, con base en Camariñas, que trata de extinguir o incendio. Ante o risco de deflagracións, pola existencia de bombonas no interior, "os traballos de extinción realizáronse con moita cautela obrigando finalmente á retirada por razóns de seguridade para a propia tripulación".
Salvamento Marítimo explica que se ofreceu a continuar co apoio e mobilización de medios ante o risco de contaminación con traslado de solicitude de colaboración a Portos de Galicia, "responsable da seguridade do porto".