Publicador de contidos
Publicador de contidos

Paro total nos estaleiros de Navantia para demandar avances na negociación do convenio

Paro total nos estaleiros de Navantia para demandar avances na negociación do convenio

A folga de 24 horas está a ser secundada polos operarios de Ferrol e Fene 

G24.gal 21/11/2024 12:20

Paro absoluto nos dous estaleiros que a empresa naval pública Navantia ten na ría de Ferrol. Desde as dez da noite deste mércores, 20 de novembro, e ata esa mesma hora deste xoves, os operarios públicos de Ferrol e Fene están a secundar un acto de protesta de 24 horas, do mesmo xeito que no resto de centros de traballo.

Segundo o presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, Carlos Díaz (MAIS), "o paro é total" e só acudiron ao complexo industrial os servizos mínimos. Ademais, instaláronse piquetes informativos nas portas, nunha xornada que transcorre "sen incidentes".

Esta medida de protesta foi aprobada o luns, 18 de novembro, nunha asemblea, e foi cambiada por unha concentración que tiñan prevista celebrar este xoves en Madrid, ante o Ministerio de Facenda, para tratar de desbloquear a negociación de convenio colectivo, unha medida de protesta que foi rexeitada.

"Esperamos mover a negociación coa dirección e que se avance isto dunha vez por todas co texto definitivo", detallou Díaz.

Paralízanse os traballos en aceiros da construción das fragatas F-110 

Por outra banda, os operarios de Navantia Ferrol aprobaron este mércores paralizar os traballos en aceiros na construción da novas fragata F-110. Foi mediante un referendo con voto en urna e en contra do criterio da maioría do comité de empresa. A medida estará vixente ata que non se asine o convenio colectivo. 

Carlos Díaz lembrou que foi este luns cando o sindicato CXT propuxo esta medida de paralización de traballos durante unha asemblea xeral, e que este resultado "teñen que facer pensar á dirección, xa que é moito tempo con negociacións, máis de dous anos".

Di ademais Díaz que esta é unha medida que non comparte a maioría do comité, "porque afectará á industria auxiliar", e que son ademais "o único estaleiro de todo o grupo que van paralizar a actividade".

Por outra banda, desde o sindicato CXT, o seu portavoz Javier Losada, asegurou que "o comité de empresa está de costas ao que quere o persoal, sobre todo a novas incorporacións" e traslada que a paralización dos traballos en aceiros "é para mostrar o seu rexeitamento tanto á dirección da empresa, como ao Goberno", xa que este é o único accionista.

Asegura Javier Losada que o persoal "está a sufrir desde o anterior convenio un empobrecemento, algo que agora mesmo queren apontoar".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade