Incendios de madrugada en Camariñas causan inquedanza entre os veciños
Incendios de madrugada en Camariñas causan inquedanza entre os veciños
O último foi un coche esta madrugada pero na vila relatan varios máis no último ano
De novo os bombeiros da Costa da Morte e membros de Protección Civil de Camariñas tiveron que acudir de madrugada avisados de urxencia polos veciños da zona do porto da vila mariñeira. Un vehículo ardía sen causa aparente estacionado na rúa do Castelo, contra as 3 e media da mañá.
Puideron extinguilo e como non había moitos máis preto del, só outro sufriu leves danos. Un veciño comentaba que o dono que vive xusto enriba fora esta mañá a poñer a denuncia correspondente a Vimianzo. Porque os veciños, que non queren dar a cara por medo, teñen claro quen é o responsable.
Son xa varios episodios similares no último ano. 2 barcos, outro coche, unha leira, un almacén e mesmo un restaurante entre outros. Demasiados, ás mesmas horas, e nos que atoparon tabletas para prender lume nas grellas e restos de gasolina. Falan dun home cun posible problema de saúde mental.
A policía investiga dende hai tempo e son moitos en Camariñas os que piden actuacións urxentes que axuden a manter a convivencia nunha zona onde comeza a existir inquedanza por tantos sucesos deste tipo nos últimos tempos.