Presas e Barcia, rivais de Pontón a liderar o BNG na próxima Asemblea Nacional da formación
Presas e Barcia, rivais de Pontón a liderar o BNG na próxima Asemblea Nacional da formación
Este mércores concluíu o prazo de presentación de candidaturas ao Consello Nacional da formación nacionalista
Tres candidaturas concorrerán á XVIII Asemblea Nacional do BNG que se celebra o próximo 1 de decembro en Santiago e estarán encabezadas pola actual portavoz nacional, Ana Pontón; a deputada autonómica Noa Presas e o portavoz municipal en Mos, Gustavo Barcia.
Así o avanzou este xoves a formación, despois de que na tarde do mércores concluíse o prazo de presentación de candidaturas ao Consello Nacional.
Precisamente, será portavoz nacional da formación a persoa que encabece a lista máis votada.
Na anterior Asemblea Nacional, a XVII, celebrada en novembro de 2021, a candidatura de Pontón non contou con oposición.
Noa Presas, de 37 anos, amais de deputada no Parlamento Galego desde 2016, é membro da Executiva do Bloque como responsable de acción feminista. Forma parte do Movemento Arredista, impulsor da candidatura En Movemento á Asemblea Nacional, e defensor da independencia desde o "exercicio do dereito de autodeterminación para construír a República de Galicia".
Gustavo Barcia, nacido en 1985, é concelleiro en Mos, e encabeza a lista Alicerce, formada principalmente por persoas do ámbito municipal de comarcas de Pontevedra e A Coruña.
Ana Pontón, de 47 anos, lidera o BNG desde 2016, tras ser elixida portavoz nacional da formación na XV Asemblea Nacional do BNG, cando o partido atravesaba as súas horas máis baixas.
Baixo o seu liderado, o BNG alcanzou as súas cotas máis altas de éxito electoral ao obter nos comicios do pasado febreiro 25 deputados, con máis de 470.000 votos e un 31,3 % do electorado.
Neste escenario, a candidatura de Pontón marcará unha dirección continuísta nunha lista na que conta coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, como número dous, e na que tamén están a vicevoceira parlamentaria, Olalla Rodil, ou o secretario xeral da Unión do Povo Galego (UPG) e deputado no Congreso, Néstor Rego.
Nun comunicado, o BNG pon en valor a XVIII Asemblea Nacional como o foro no que definir o "rumbo político, estratéxico e organizativo" da formación, que "atravesa o seu mellor momento social e electoral".
Na asemblea, o BNG debaterá e aprobará as liñas para seguir para as eleccións municipais de 2027 e as autonómicas de 2028.