BNG e PP sacan adiante no Senado unha moción para a modernización ferroviaria galega
BNG e PP sacan adiante no Senado unha moción para a modernización ferroviaria galega
A iniciativa aposta por implantar servizos ferroviarios de proximidade, comezando polos eixos A Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra, e pide acelerar a tramitación dun estudo de viabilidade para a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela
Ao texto orixinal do BNG sumouse unha emenda do PP para garantir o acceso de Lugo e Ferrol á rede ferroviaria de alta velocidade
Reclama, ademais, ao Goberno español coordinarse co portugués para a "priorización e axilización" do denominado corredor de alta velocidade Vigo-O Porto
O BNG, co apoio do PP e do resto de grupos, salvo o PSOE e Vox que se abstiveron, sacaron adiante no Senado unha moción que inclúe unha batería de medidas para "axilizar e impulsar a modernización ferroviaria de Galicia".
A moción foi debatida nunha reunión plenaria do Senado na tarde deste martes, aínda que non se votou ata primeira hora desta tarde co resultado de 168 votos a favor, 94 abstencións e ningún voto en contra.
A iniciativa parlamentaria do BNG, que incorporou unha emenda do PP, insta o Goberno central, entre outras cousas, a axilizar os estudos e trámites en marcha para implantar servizos ferroviarios de proximidade, comezando polos eixos A Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra.
Tamén, exhorta a acelerar a tramitación dun estudo de viabilidade e dos procesos técnicos correspondentes para a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela e a impulsar a execución do bypass de Betanzos para que as obras comecen antes de finalizar a lexislatura. Tamén completar o denominado Eixo Atlántico ata Ferrol, incluíndo a modernización da conexión A Coruña-Ferrol.
Reclama, ademais, ao Goberno español coordinarse co portugués para a "priorización e axilización" do denominado corredor de alta velocidade Vigo-O Porto, "sen postergala en favor de ningunha outra conexión", e a promover a modernización e a mellora da infraestrutura da liña ferroviaria A Coruña-Lugo.
A estes puntos do texto orixinal do BNG sumouse unha emenda do PP para garantir o acceso de Lugo e Ferrol á rede ferroviaria de alta velocidade, "en condicións de igualdade co resto do territorio", para o que se considera "imprescindible" a execución, entre outras, das variantes de Canabal-Os Peares, Rubián e Betanzos.
O PSOE, que recriminou ao BNG que pacte co PP, defendeu tamén, sen éxito, as súas propias emendas, entre as que figuraban continuar cos traballos da liña directa en alta velocidade Vigo-Madrid por Cerdedo e iniciativas para o desenvolvemento do bypass de Redondela.
Os socialistas propuxeron incluír igualmente continuar as obras actuais para modernizar a liña Lugo-Ourense, cuxas variantes dos Peares-Canabal e Rubián "precisan un estudo informativo", e seguir os traballos de mellora e renovación do trazado de ancho métrico ao seu paso polas provincias de Lugo e A Coruña.
A senadora do BNG Carme da Silva aceptou a emenda do PP porque recolle unha decisión unánime do Parlamento galego e expuxo negociar un texto común que incorpore en parte as propostas do PSOE.
Respecto diso, a deputada do PP Nidia Arévalo pediu ao PSOE que se "molle" para "que se faga todo isto dunha vez por todas", mentres o socialista César Mogo considerou unha "mágoa" que as súas propostas "non poidan verse reflectidas".