Publicador de contidos
Publicador de contidos

Conclúe o xuízo de Velle: "un criminal" para a acusación e "un enfermo" para a defensa

Conclúe o xuízo de Velle: "un criminal" para a acusación e "un enfermo" para a defensa

Ambas as dúas acusacións piden penas de máis de 25 anos por un delito de asasinato consumado e outro en grao de tentativa

O debate principal e se sabía o que facía ou non era consciente polo seu problema de saúde mental

O xurado recibirá o obxecto de veredicto este xoves

O acusado na súa entrada ao xulgado O acusado na súa entrada ao xulgado
G24.gal 20/11/2024 16:14

As acusacións do xuízo contra Diego R., que feriu de gravidade ao seu curmán Álvaro e matou á parella deste na parroquia ourensá de Velle en 2021, mantiveron este mércores que "sabía o que facía" e actuou como "un criminal", mentres que a defensa se escudou no seu problema de saúde mental.

A sección primeira da Audiencia Provincial de Ourense acolleu este procedemento no que as acusacións e Fiscalía piden penas de máis de 20 anos de reclusión, con petición mesmo de prisión permanente revisable, por un delito de asasinato consumado e outro en grao de tentativa.

Nesta última xornada foi a quenda para as alegacións das partes, que confirmaron as súas conclusións antes de que o xulgado entregue ao xurado este xoves o obxecto de veredicto para iniciar as deliberacións.

"Aquí o debate é se Diego entendía o que facía e se debería ingresar en prisión ou nun centro", proclamou a fiscal, quen ratificou a súa postura de que era coñecedor do que facía "e que o que facía estaba mal".

A Fiscalía apuntou que, aínda que "é indubidable" que padece un trastorno mental que pode afectar o seu estado, é "incompatible" con que non soubese o que facía esa noite cando acoitelou ás vítimas en múltiples ocasións.

Sustentouse no feito de que todos os axentes policiais que compareceron no xuízo e varios psiquiatras coincidiron en que o seu estado era "normal" a noite da detención, na que o procesado dera unha escusa á súa nai de que ía matar "coellos".

A fiscal argumentou que neste caso "non houbo ningún episodio explosivo" que o levase a actuar así como si ocorreu en episodios anteriores nos que chegou a ingresar no centro hospitalario.

"Ninguén nesta sala pode pensar que o acusado saíu pensando que ía matar coellos, equivocouse, sufriu unha alteración da realidade de tal natureza que se dirixiu a casa dos seus veciños e pensase que esas persoas non eran os seus veciños", subliñou nesta liña o avogado Jorge Temes, que representa á vítima falecida.

Para el, este non é un caso no que haxa que buscar as causas senón analizar o sucedido, que Diego "saíu da súa casa armado, chamou á súa casa e atacounos" sen posibilidade de defensa.

As dúas acusacións piden penas que superan os 25 anos de prisión coas agravantes de aleivosía e asañamento tras asestar "nada menos que 17 puñaladas" ás vítimas, lembrou Temes, quen rexeitou a tese de que actuase froito dun brote psicótico.

"Tentou eludir a súa responsabilidade, cámbiase de roupa, mantén unha conversa co técnico dunha compañía de seguridade... Nestas circunstancias podía estar baixo os efectos dunha crise psicótica?", preguntouse este avogado.

As dúas acusacións reclaman para o procesado unha sentenza xusta tras lembrar que o dano é irreparable co resultado de que "Ana xa se foi e Álvaro ten secuelas importantes".

A defensa da vítima sobrevivente insistiu en que todas as probas obxectivas levan a concluír que "era consciente do que facía", tras realizar un ataque "absolutamente premeditado" e que, por tanto, "debe responder dos seus actos" pois "coñecía o que facía e as consecuencias".

A defensa, en cambio, opinou que este xuízo debe centrarse nas circunstancias nas que ocorreron os feitos por parte do procesado, "un enfermo", e así rexeitou as agravantes solicitadas polas acusacións.

Dixo que polos problemas de saúde mental, non é capaz de planificar, nin de actuar con asañamento ou aleivosía. "Ou é moi basta a planificación ou non ten ningún tipo de sentido", apuntou.

Tamén se referiu á súa situación persoal cando ocorreron os feitos. "Coinciden cunha ruptura sentimental, un abandono da medicación e non tiña traballo", algo que para esta avogada acabaría supoñendo "o caldo de cultivo perfecto" que acabou nunha "desgraza".

Para esta parte, Diego "non era consciente" do que facía e, aínda que lamentou a dor das vítimas e as súas familias, pediu que se faga xustiza: "Non pode ser condenado igual un criminal que unha persoa que ten unha enfermidade".

"O que necesita son medidas de seguridade, un centro no que ser tratado e un control", abundou ao indicar que o cárcere "non é o lugar adecuado" para el, senón un centro especializado onde poida ser controlado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade