Publicador de contidos

Publicador de contidos

Culpable de homicidio a compañeira de piso de Leticia Sanabria

Culpable de homicidio a compañeira de piso de Leticia Sanabria

O xurado popular descarta o asasinato con aleivosía pero aprecia abuso de superioridade

A vítima, de 29 anos, apareceu morta con signos de violencia en setembro de 2021

EFE / Brais Lorenzo EFE / Brais Lorenzo
G24.gal 31/03/2025 20:50

Un xurado popular declarou culpable de homicidio con agravante de superioridade a única acusada pola morte de Leticia Sanabria, unha moza de orixe paraguaia de 29 anos, que apareceu sen vida e con sinais de violencia en Ourense no mes de setembro de 2021.

O veredicto chegou tras cinco xornadas de xuízo na Audiencia Provincial de Ourense e sete horas de deliberación por parte do xurado, composto por sete mulleres e dous homes.

Segundo se recolle no veredicto, a vítima e a acusada —de nacionalidade nixeriana— compartían piso e traballo nun club de alterne. A convivencia deteriorouse cando a acusada, segundo testemuñas, se obsesionou con Leticia, chegando incluso a pedirlle cartos que logo non lle devolvía.

O xurado considera probado que, na madrugada do 10 de setembro de 2021, entre as 04:00 e as 06:00, se produciu unha pelexa entre ambas que rematou coa asfixia da vítima e múltiples contusións, incluído un traumatismo cranioencefálico.

A Fiscalía solicitou inicialmente 12 anos de prisión, pero tras o veredicto pediu 13 anos, mentres que a acusación particular pide 14 anos e unha indemnización de 200.000 euros. A defensa, pola súa banda, reclama que a condena non supere os 10 anos e solicita a aplicación da atenuante de dilacións indebidas.

O xurado descartou a tese da defensa de que puidese ser outra persoa quen cometese o crime, tamén a hipótese de asasinato con aleivosía, e optou pola cualificación de homicidio con abuso de superioridade.

A sentenza definitiva será ditada nas vindeiras semanas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade