O 80 % dos coidadores de persoas dependentes son mulleres, a maioría con doenzas
Os expertos aconsellan dedicar varias horas aos asuntos propios, non descoidar as relacións sociais e delegar as responsabilidades do coidado
O coidado das persoas dependentes recae na maior parte dos casos nas mulleres. Segundo o Instituto Galego de Estatística, no noso país hai arredor de 140.000 coidadoras, o 70 por cento familiares. Delas, sete de cada dez recoñecen que estas tarefas lles afectaron a súa propia saúde.
"Moitas veces aparecen perda de memoria, sensación de ter as palabras na punta da lingua, esquecementos sobre o que se estaba a facer ou onde se deixou algo. Iso indica que hai unha gran fatiga aos niveis cognitivo, emocional e físico", explica a psicóloga Marta Ramos.
Cómpre, polo tanto, coidar das coidadoras. Con tal fin, os expertos recomendan dedicar varias horas ao día aos asuntos propios, facer exercicio, non descoidar as relacións sociais, delegar as responsabilidades do coidado e, chegado o caso, acudir ao psicólogo ou contactar con empresas de coidados a domicilio.
"Nós, como coidadoras, temos que ter moito coidado nos nosos propios coidados. Se nós non nos coidamos persoalmente, non imos coidar ben", sinala a coidadora Alba Loaiza.
Tocante a esta problemática, impartiuse un obradoiro en Lugo, no marco dunhas xornadas sobre saúde feminina, onde tamén se van tratar cuestións como a menopausa.