A Fundación Lingoreta axuda a familias vulnerables a pagar terapias sociosanitarias
É unha nova entidade especializada na saúde mental e nos problemas de desenvolvemento da infancia e da mocidade
Tamén axudan a adultos con enfermidades neurodexenerativas como o alzhéimer, párkinson e mesmo en casos de ictus
É un proxecto que botou a andar hai quince anos como centro de diagnóstico do trastorno do espectro autista, que na actualidade abrangue numerosas disciplinas e para as diferentes idades.
A Fundación Lingoreta, con sede en Vigo, é unha nova entidade especializada, entre outros aspectos, na saúde mental e nos problemas de desenvolvemento da infancia e da mocidade.
"Cremos nesa parte de axudar as familias, que precisen ir a un psicólogo, a un logopeda, a un otorrino, a un psiquiatra e que non poidan custealo", di Diana Lameiro Aznar, logopeda e presidenta da Fundación Lingoreta.
A Fundación Lingoreta ofrece servizos sociosanitarios, desde terapias na etapa infantil e xuvenil de neurodesenvolvemento... ou en adultos que padecen enfermidades neurodexenerativas, como o alzhéimer ou párkinson e mesmo en casos de ictus.
Para custear esas terapias ofrecen bolsas ás familias que o precisen.
"Mediante un correo electrónico ou por teléfono que contacten con nós, avaliamos, porque hai unhas condicións, valoramos e poderemos ofrecerlles esas bolsas para acudir a terapias que precisen", engade.
Esperan poder asinar convenios con outros centros de toda Galicia para chegar a máis xente. Para desenvolver este labor precisan financiamento.
"O financiamento é agora mesmo propio, fago unha chamada as empresas e persoas que queiran colaborar e se sumen a esta causa", destacou.
![](https://www.g24.gal/prog24/2025/20250209/COMOTRABALLAAFUNDACIONLINGORETA_frame_65.png)