Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta creará un centro integral de saúde mental en Lugo "de referencia para toda Galicia"

A Xunta creará un centro integral de saúde mental en Lugo "de referencia para toda Galicia"

O Goberno galego investirá 3,6 millóns na reforma do edificio onde estivo a antiga sede de Aspnais

A conselleira de Política Social informou de que o uso e a xestión do inmoble se cederá á entidade social Alume

G24.gal 16/01/2025 15:32 Última actualización 16/01/2025 15:59

A Xunta de Galicia informou de que acometerá a reforma do edificio situado na rampla Claudio López, en Lugo, onde estivo situada a antiga sede de Aspnais, para convertelo nun centro de atención integral á saúde mental “de referencia en toda Galicia”, para o que investirá 3,6 millóns de euros.

Unha vez finalizadas as obras previstas, o Goberno galego ten previsto ceder o uso e a xestión do inmoble á entidade social Alume, segundo informou este xoves a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, que participou na presentación do proxecto do futuro complexo.

A conselleira destacou que a Xunta de Galicia ten asignada un investimento de 3,6 millóns de euros para “reformar por completo” o edificio “e adaptalo a este novo fin”. De feito, durante a súa intervención, a conselleira asegurou que o edificio será adaptado para sacarlle o máximo rendemento posible, de modo que poida alcanzar ata 80 prazas de atención residencial e diúrna.

Ademais, confirmou que as obras serán licitadas no primeiro trimestre de 2025, porque a Xunta de Galicia quere que “sexa unha realidade canto antes” e a provincia de Lugo dispoña dun centro de atención á saúde mental “de referencia en toda Galicia”.

O inmoble sitúase nunha parcela de 9.000 metros cadrados e a edificación conta con tres plantas, nas que funcionarán un centro de día, un centro residencial, unha área social e diferentes zonas polivalentes de uso común.

Ademais, unha vez finalizadas as obras e formalizada a cesión, producirase o traslado e centralización de todas as actividades da entidade social Alume a ese complexo. Fabiola García aproveitou o acto para dar grazas a Alume “por 30 anos de traballo incansable a favor das persoas con problemas de saúde mental, promovendo a súa recuperación e inclusión sociolaboral”.

Pola súa banda, a portavoz do goberno local de Lugo, Ana González Abelleira, dixo que este anuncio da Consellería de Política Social supón o cumprimento de “un obxectivo” para o Concello: “recuperar como equipamento sociosanitario a antiga sede de Aspnais”. Desde o seu punto de vista, trátase “dunha boa noticia para Lugo”, aínda que lamentou que o Concello non fose convidado á presentación do proxecto, porque “a lealdade institucional debe estar por encima dos intereses partidistas”.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade