Detidos catro membros dunha banda dedicada a roubos tras unha persecución pola provincia de Lugo
Detidos catro membros dunha banda dedicada a roubos tras unha persecución pola provincia de Lugo
A persecución comezou na Mariña, foron interceptados na Pastoriza e, finalmente, as detencións producíronse en Meira
Axentes da Garda Civil detiveron este mércores de madrugada catro persoas como sospeitosas de integrar unha banda dedicada a perpetrar roubos en negocios e domicilios por distintos puntos de Galicia.
As detencións producíronse despois dunha persecución por diversos municipios da provincia de Lugo, que arrincou en Mondoñedo e en que participaron numerosas patrullas.
Os sospeitosos foron interceptados finalmente no municipio da Pastoriza e foron detidos en Meira.
O propio alcalde de Meira, Antonio de Dios, confirmou a EFE a detención deses sospeitosos na zona do polígono industrial da localidade. “Déronlles o alto en Mondoñedo”, precisou o rexedor local, pero ao non parar, as patrullas de servizo perseguíronos ata o seu municipio, onde foron finalmente interceptados e arrestados.
O rexedor afirmou que a detención dos sospeitosos é “unha alegría”, porque esta vaga de roubos provocara unha importante alarma social. “Estaban a facer moito dano”, recoñeceu.
Os arrestados permanecen en Lugo á espera de pasaren á disposición xudicial. A investigación, que está baixo segredo de sumario, continúa aberta polo menos en tres provincias galegas, onde practicaron varios rexistros domiciliarios nas últimas horas, polo que non se descartan novas detencións.