Nova vida para un forno comunal de Vilar de Santos como lugar de encontro
Nova vida para un forno comunal de Vilar de Santos como lugar de encontro
Fora rehabilitado polo Concello pero estaba en desuso, ata que un veciño que foi vivir hai dous anos para aldea solicitou permiso para reacondicionalo
Os veciños volven compartir historias no forno comunal das Casas da Veiga. Hai décadas que aquí xa non se coce o pan, un traballo que transformaba este lugar en punto de encontro, sobre todo durante o inverno. Sen despistarse das tarefas, os maiores dábanlle ao conto e os pequenos entretíñanse con trasnadas, como lembran os de máis idade.
Hai tempo que o Concello decidiu rehabilitar o inmoble para conservar este patrimonio e empregalo para dinamizar a vida na aldea, pero foi quedando en desuso. Agora un veciño que hai dous anos decidiu cambiar Cataluña por Vilar de Santos botou man del, co permiso do Concello, para recuperalo como lugar de encontro. Xa organizaron actividades no Nadal e traballan noutras iniciativas para que este antigo forno comunal volva ter unha nova vida.