Pontón destaca o BNG como alternativa "forte" ante as eleccións
Pontón destaca o BNG como alternativa "forte" ante as eleccións
Acto con vistas ás municipais do Bloque Nacionalista Galego en Maceda. Visita á localidade ourensá este sábado da voceira nacional da formación.
Ana Pontón sinala que o Bloque está forte e con confianza ante esa cita electoral e agoira que os nacionalistas serán a forza que máis aumente a súa representación nos concellos.
Pontón subliña que os cidadáns saberán valorar a boa xestión dos gobernos municipais do BNG e afirma que a formación non se pon teito.
Pontón baseou a súa confianza no apoio que representa a capacidade de xestión exitosa e de transformación positiva demostrada polos gobernos encabezados polo seu partido:
"Demostramos con feitos que os gobernos municipais do BNG son capaces de mellorar a vida das persoas, de xerar dinamismo económico, cohesión social, que apostan pola nosa lingua e cultura, en fin, que son a mellor garantía de progreso", destacou.
A líder do Bloque subliñou o contraste entre as políticas do Bloque e as do Partido Popular, de tal forma que ante o "retroceso" e as fórmulas "non precisamente democráticas, senón caciquís do PP", destaca a marcha e o progreso de municipios como Allariz, Baños de Molgas, Vilar de Barrio ou Vilar de Santos -todos liderados polo BNG-, que son exemplos de municipios con "dinamismo, transparencia e democracia".