Oito estudios de arquitectura aspiran a rehabilitar o Pazo de Lourizán
Oito estudios de arquitectura aspiran a rehabilitar o Pazo de Lourizán
Visitaron o edificio antes de presentar o seu proxecto final nun prazo de dous meses
O Pazo de Lourizán, da administración galega desde o 2022, será reformado integramente. No concurso de ideas aberto e anónimo para a rehabilitación participaron 34 estudos de arquitectura, e deles oito, seis galegos, son xa finalistas.
O proxecto gañador, ademais de gañar un premio de case 50.000 euros, acometerá unha restauración financiada pola Xunta con 17,3 millóns.
Este pazo patrimonio cultural de Galicia, que pertenceu ao compostelán Montero Ríos, acolle a escola de capataces, a rede de observación ambiental e o centro de investigacións forestais.
Este sábado os arquitectos dos oito estudos finalistas fixeron unha visita técnica e privada ao interior do pazo e os seus anexos, na compaña da conselleira de Economía. En dous meses terán que presentar os proxectos finais.
"E mantendo a esencia forestal do edificio co seu centro de investigación, que está ligado á propia Axencia de Industrias Forestais que depende desta Consellería de Economía e Industria. Contará tamén cun centro de capacitación dependente de AGACAL, tamén da Xunta, e ademais vaise complementar toda esta infraestrutura cunha parte hoteleira e de servizos comúns e oficinas de uso público", explica a TVG María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía e Industria.
Aínda que a finca aparece documentada en 1320, o pazo que vemos hoxe é obra de Jenaro de La Fuente, nunha mestura ecléctica de modernismo, clasicismo e arquitectura francesa do II Imperio, por encargo de Montero Ríos en 1879.
"E a historia dos edificios, a historia do que pasou neles, da contorna, da época, sempre achega algo de valor e localiza e pon en cuestión como se facían as cousas antes e como as facemos agora", matiza o arquitecto Gonzalo Alonso.
"E se isto significa estender o coñecemento do que se fai aquí, manter a vida, habilitar o Pazo, darlle novos usos, fantástico. Necesitamos futuros sustentábeis, e futuros que devolvan o potencial á nosa terra", engade Jesús Irisarri, arquitecto.
O plan da intervención prevé ter no próximo verán o proxecto de obra e execución para que a fins de 2025 comecen as obras que poderían durar ata ano e medio.