Publicador de contidos
Publicador de contidos

María Jesús Lorenzana: "A repotenciación eólica non é unha medida contra o sector"

María Jesús Lorenzana: "A repotenciación eólica non é unha medida contra o sector"

A conselleira de Economía e Industria defende a repotenciación dos parques de máis de 25 anos para reducir o impacto en zonas sensibles como a Rede Natura
 

Parque eólico en Galicia
G24.gal 17/11/2024 09:30 Última actualización 17/11/2024 14:08

María Jesús Lorenzana sostén que a política enerxética da Xunta aposta por un desenvolvemento da enerxía eólica que abarate os custos da electricidade e favoreza o crecemento industrial.

Nunha entrevista na Radio Galega, a conselleira de Economía e Industria defendeu as últimas medidas adoptadas polo Goberno galego que se anticipan ao novo Plan eólico: que os novos parques vendan o 50 % da enerxía que producen ás PEME da contorna a un prezo atractivo e estable e que se repotencien os muíños.

Segundo explicou, o que se busca é que os parques máis antigos, de máis de 25 anos, se adapten ás condicións técnicas actuais "nas que é posible conseguir con menos impacto máis potencia".

"A día de hoxe a potencia de nove muíños pode conseguirse cun único muíño máis alto".

A titular de Industria afirmou que o obxectivo do novo Plan eólico é "aumentar a potencia en Galicia para reducir o impacto ambiental", sobre todo, en zonas como a Rede Natura.

Explicou que hai moitos promotores que xa están repotenciando e asegurou que "esta medida non vai contra as empresas eólicas", que recentemente cualificaron a proposta de expropiatoria e ilegal.

Segundo María Jesús Lorenzana, trátase de medidas "proporcionadas" e con prazos "moi cómodos" para realizar as tramitacións e iniciar as obras. A estimación, engadiu, é que os parques que se van repotenciar rolden os 30 anos no momento en que se acometan as obras.

Si admitiu que, dende o punto de vista da rendibilidade, as empresas teñen os seus calendarios de amortización, pero advertiu que "teñen que entender que se se aproveitan dos recursos dun territorio parte dos beneficios teñen que quedar para os cidadáns dese lugar".

"Un goberno medianamente responsable ten que ser capaz de aproveitar os recursos naturais para o crecemento económico da comunidade".

María Jesús Lorenzana explicou que o que se busca é o desenvolvemento económico e industrial de Galicia e que para logralo é clave abaratar o custo da enerxía.

"Só así poderemos despuntar a medio prazo dende o punto de vista industrial nunha comunidade con tantos recursos naturais".

Neste sentido, afondou, a sociedade mixta Recursos de Galicia, participada pola Xunta nun 30 %, impulsará unha comercializadora que proporcionará electricidade máis barata aos consumidores domésticos e ás industrias dos lugares nos que se instalen proxectos de enerxías renovables como parques eólicos, aproveitamentos hidráulicos ou minas.

"O obxectivo é que a totalidade dos beneficios destes proxectos queden en Galicia e sexan para os cidadáns galegos". 

A titular de Industria explicou que, por exemplo, os veciños situados nos arredores dun parque eólico terán enerxía máis barata.

Ademais, as promotoras deberán vender a electricidade ás industrias locais a través de "PPA" ou acordos de compra a prezos determinados e durante un período concreto.

"Permite independizar das  variacións dos prezos do gas unha porcentaxe importante da enerxía renovable que temos en Galicia", aclarou.

Minería

A conselleira de Economía e Industria avanzou que deica o final de ano se publicarán 60 concursos mineiros nas catro provincias "para permisos de investigación sobre minerais que temos claro que poden ser interesantes para comezar a explotar de xeito inmediato".

María Jesús Lorenzana explicou que Galicia é rica en moitos dos minerais cualificados como críticos pola Unión Europea como o cobre, o litio, o magnesio ou as terras raras.

"Se somos capaces de explotalos de xeito sostible imos gañar en PIB e en emprego industrial".

Engadiu que Galicia está ben posicionada no escenario de "autoprovisionamento e descarbonización" cara ao que se move a economía e apelou ao sentido común e á altura de miras por parte do Goberno e das empresas para desenvolver a minería respectando o medio.

Lorenzana destacou que "Galicia está no mellor ciclo económico da historia, cun aumento exponencial das exportacións". Con todo, apelou  á necesidade  de aumentar a base industrial da comunidade pasando do 16 % actual ao 20 % que fixa a Unión Europea.

Para conseguilo, subliñou, cómpre converter Galicia nun territorio atractivo do que non marchen as empresas e que atraia investimentos. Para logralo, insistiu, o custo enerxético non pode ser superior ao doutros países europeos.

"A nosa responsabilidade como goberno é que as empresas elixan Galicia".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade