Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un avión aterra de emerxencia no aeroporto de Santiago por presenza de fume na cabina

Un avión aterra de emerxencia no aeroporto de Santiago por presenza de fume na cabina

Viaxaba de Forteventura a Glasgow con 170 pasaxeiros e seis membros da tripulación, sen que se rexistrasen feridos

Imaxe de arquivo dun avión na pista do aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro Imaxe de arquivo dun avión na pista do aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro
G24.gal 18/11/2024 21:10

Un avión procedente de Forteventura con destino Glasgow tivo que aterrar de emerxencia no Aeroporto Santiago-Rosalía de Castro tras detectarse fume na cabina cando se atopaba fronte á costa galega. A bordo viaxaban 170 pasaxeiros e seis membros da tripulación, sen que se rexistrasen feridos.

Segundo trasladou o 112 Galicia, o persoal do aeroporto compostelán solicitaba á central de emerxencias sobre as 19.15 horas a colaboración de persoal sanitario e de bombeiros, xa que un avión con fume na cabina estaba a piques de aterrar de emerxencia no recinto da capital galega.

 

Con todo, de inmediato o mesmo persoal do aeroporto confirmou que a aeronave puidera tomar terra sen problemas e que ninguén resultara ferido.

Os operadores do 112 informaron os Bombeiros, á Policía Autonómica, Nacional e Local, así como aos voluntarios de Protección Civil de Santiago. Tamén se deu aviso, por se fose necesaria a súa intervención, ao Servizo de Procura e Salvamento (S.A.R.) do Exército do Aire e do Espazo.

Unha vez que o avión tomou terra sen ningún tipo de incidencia foi escoltado polos bombeiros ata a plataforma de estacionamento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade