O BNG apela á mobilización este domingo para "cambiar o rumbo do galego"
O BNG apela á mobilización este domingo para "cambiar o rumbo do galego"
A dirixente do Bloque confía en que sirva para convencer a Xunta da necesidade de poñer en marcha novas “políticas” en favor da lingua
A líder do BNG, Ana Pontón, chama á implicación cidadá na mobilización organizada pola plataforma Queremos Galego, da que forman parte case 600 entidades, xa que considera que é unha “cita clave para cambiar o rumbo” do idioma galego que atravesa unha situación “de emerxencia”.
“O futuro do galego depende da mobilización. É clave que a cidadanía estea presente”, esgrimiu a líder nacionalista tras manter unha reunión coa plataforma que organiza a manifestación, convocada para o domingo 17 de novembro en Santiago Compostela, baixo o lema "Mudemos ou rumbo. Polo futuro do galego".
A dirixente do Bloque confía en que unha forte mobilización sirva para convencer á Xunta da necesidade de poñer en marcha novas “políticas” en favor da lingua, aínda que reiterou que as peticións buscan “que se cumpra a legalidade” seguindo as directrices que marca a Carta Europea das linguas ou o Plan de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade fai vinte anos.
A pesar de que o idioma atravesa un momento “crítico”, a dirixente nacionalista mostou a súa confianza en que a situación se poida reverter se toda a sociedade e as institucións poñen do seu parte para conseguilo. “É posible se existe a implicación do conxunto da sociedade”, polo que dende o BNG e Queremos Galego fan un chamamento a todos os que levan a "lingua galega no corazón” porque entre todos pódese conseguir que o idioma viva “mil primaveras máis”.