Publicador de contidos

Publicador de contidos

Freixanes: "Toda a sociedade ten que estar implicada no uso e transmisión do galego”

Freixanes: "Toda a sociedade ten que estar implicada no uso e transmisión do galego”

O presidente saínte da Real Academia Galega asegura que "o idioma é de todos" e "está moito mais vivo do que ás veces dicimos"

Víctor Freixanes despídese da RAG despois de oito anos á fronte da institución: "Eu sentinme moi cómodo, moi recoñecido e moi agradecido ao traballo e colaboración de todos os compañeiros"

 

O presidente saínte da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, nunha entrevista este luns no 'Bos días' da TVG
G24.gal 24/03/2025 10:36

A Real Academia Galega abre o proceso para a elección da persoa que substituirá a Víctor Freixanes á fronte da presidencia da institución. Freixanes despediuse hai uns días da RAG tras concluír o seu segundo mandato. Nunha entrevista no 'Bos días' da Televisión de Galicia, o xa presidente saínte salientou que deixa unha Academia moito máis "unida" da que atopou hai agora oito anos.

"Cando cheguei había tensión. Somos xente diversa, temos diferentes maneiras de pensar; e creo que nestes oito anos todos fixemos un esforzo para crear un clima de traballo, conscientes da significación da institución". Segundo confesou: “Eu sentinme moi cómodo, moi recoñecido e moi agradecido ao traballo e colaboración de todos os compañeiros e compañeiras”.

"O galego está moito máis vivo do que ás veces dicimos"

Na entrevista Freixanes analizou o estado de saúde do galego. Ao seu xuízo, o idioma "está moito mais vivo do que ás veces dicimos". Con todo, cre que é precisa a implicación dos responsables políticos e da sociedade no seu conxunto para protexer, empregar e transmitir o galego de xeración en xeración.

"O idioma é unha riqueza á que non queremos nin debemos renunciar", explica. “Debemos facer un chamamento non só os responsables políticos senón ao conxunto da sociedade. O idioma é de todos e toda a sociedade ten que estar implicada no uso e transmisión do galego”.

"Estamos percibindo unha explosión social de apoio ás cantareiras"

Víctor Freixanes pon en valor o conseguido nos seus oito anos de presidencia. Salienta, sobre todo, o "espectacular" uso que os galegos e galegas fan do Dicionario da Real Academia Galega, que ten "case 130.000 usos diarios".

Agora, segundo o expresidente da RAG, traballan no dicionario castelán-galego, "que queremos presentar antes de final de ano", e no Nomenclator, que está "pendente da aprobación da Xunta de Galicia".

Freixanes afirma que están percibindo na Academia unha "explosión social de apoio" ás cantareiras, a quen se lles dedica este ano o Día das Letras Galegas. Tirando de ironía conclúe: "A ver se non morremos de éxito".

En marcha o proceso para a elección da nova presidencia da RAG

Trala saída de Freixanes, a secretaria da RAG, Margarita Ledo Andión, ocupa interinamente a presidencia da institución. A correspóndelle poñer en marcha o proceso electoral para a elección do seu substituto ou substituta.

Sobre a posibilidade de que sexa unha muller quen tome a remuda á fronte da institución, Freixanes afirma que "hai mulleres abondo na Academia para asumir unha responsabilidade deste tipo".

Con todo afirma que "nós non traballamos por políticas de xénero; traballamos polos méritos e circunstancias de cadaquén". Segundo dixo, "non todo o mundo ten a dispoñibilidade que require un posto destas características".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade