Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda achaca á oposición cambios de opinión sobre Altri: "Ou menten ou son ineptos"

Rueda achaca á oposición cambios de opinión sobre Altri: "Ou menten ou son ineptos"

Besteiro afirma que o presidente está "atado" con este proxecto, e insiste: "Se do PSdG dependese, recibiría cero euros de fondos públicos porque nin cumpre nin o merece"

Pontón acusa a Rueda de "estar rozando a prevaricación por ser un comercial de Altri" e pídelle o presidente que escoite a cidadanía e rectifique

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, este mércores durante o pleno do Parlamento de Galicia (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 26/03/2025 08:33

O enfrontamento entre a Xunta e a oposición polo proxecto de macrocelulosa de Altri centrou a sesión de control no Parlamento galego.

O presidente, Alfonso Rueda, tirou de hemeroteca e tachou de "ineptos" e "mentireiros" a BNG e PSdeG por opoñerse a un proxecto que "antes das eleccións autonómicas aplaudiron coas orellas" e agora rexeitan con "disparates, loiadas e coaccións".

A líder da oposición e portavoz do BNG, Ana Pontón, advertiu a Rueda de que está "a rozar a prevaricación" ao actuar como un "comercial de Altri"m e pediulle que "rectifique" tras escoitar a manifestación masiva contra a planta do pasado sábado na Pobra.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Besteiro, dixo que se do seu partido depende, recibirá "cero euros" de fondos públicos, xa que "nin cumpre nin o merece".  

A multinacional aspira a recibir unha axuda directa de 250 millóns de euros procedente dos fondos europeos, que debe tramitar o Ministerio de Industria ante a Comisión Europea.

Besteiro: "Vostede está atado a este proxecto, quere quedar como un antepasado depredador do país?"

O encargado de abrir a sesión foi o portavoz do grupo socialista, José Ramón Gómez Besteiro, que asegurou que o proxecto de Altri para Galicia "caese en materia de solvencia" e está "cheo de mentiras".

O líder do PSdeG insiste en que se do seu grupo político depende, "este proxecto recibiría cero euros de fondos públicos porque nin cumpre nin o merece".

Para Besteiro, Rueda está "atado" a este proxecto que e dille ao presidente: "Quere quedar como un antepasado depredador do país?".

O voceiro do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, durante a sesión de control do Parlamento galego (EFE/Lavandeira jr) O voceiro do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, durante a sesión de control do Parlamento galego (EFE/Lavandeira jr)

Pontón: "Non desprece a cidadanía que lle di libre e democraticamente que non quere esta macrocelulosa"

Na sesión, a voceira nacional do BNG pediulle ao presidente que escoite o clamor da cidadanía, que o sábado pasado na Pobra do Caramiñal protagonizou unha "manifestación histórica por terra e mar onde milleiros de galegos dixeron 'Altri non, Galicia si".

Ana Pontón afeoulle a Rueda que teña a "desvergoña de chamarlles alborotadores e propagadores de loiadas" por opoñerse democraticamente á "bomba ambiental" de Altri e afirma que están en risco catro mil postos de traballo na comarca da Ulloa e 19.000 da ría de Arousa.

A voceira nacional do Bloque acusa a Xunta de querer converter Galicia "nun grande eucaliptal" e os montes galegos nunha "polvoreira en pleno cambio climático". Insiste en que estamos ante unha decisión "política" dun Goberno que aproba normas "a medida da macrocelulosa": "Está vostede rozando a prevaricación por ser un comercial de Altri. Rectificar é de sabios: escoite a cidadanía e rectifique".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, durante o pleno do Parlamento de Galicia (EFE/Lavandeira jr) A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, durante o pleno do Parlamento de Galicia (EFE/Lavandeira jr)

Rueda: "Ou son uns mentireiros e uns ineptos ou non se decatan de nada, ou todo á vez".

O presidente da Xunta, acusa a oposición de "crispar", de "mentir" e de desprezar agora un proxecto que "aplaudían coas orellas" antes das eleccións autonómicas. Tirando de hemeroteca, Alfonso Rueda díxolles: "Ou son uns mentireiros e uns ineptos ou non se decatan de nada ou todo á vez".

O xefe do executivo asegura que "o debate ambiental está pechado, por moito que lles pese" e pediu respecto para os técnicos:  "Que máis dá que haxa trinta técnicos da Xunta q emitiran informes, que o Tribunal Supremo dixera que a Xunta é escrupulosamente exquisita coas normas ambientais. O importante é o que di unha pancarta!".

Segundo Rueda, a xente "é mais lista" e hai unha "maioría silenciosa" que lle pide a Xunta que "fagamos o que ten que facer un Goberno responsable". O presidente rematou a súa intervención confesando como lle gustaría que o recordaran: "Quero ser un antepasado que cando tivo responsabilidades gobernou con decencia polo futuro da miña terra".

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade