Miguel Fernández: "Serei alcalde mentres os veciños e veciñas de Lugo queiran"
O novo rexedor séntese apoiado polos seus compañeiros, que decidiron que era a persoa adecuada, e confirma que continuará co modelo de cidade deseñado pola súa predecesora
Marca o obxectivo de facer compatibles as grandes intervencións na cidade con pequenas actuacións que melloren a vida da xente
A cidade de Lugo abre unha nova etapa tras a elección de Miguel Fernández como novo rexedor. O concelleiro máis veterano da corporación chegou á alcaldía tras a repentina morte da súa predecesora Paula Alvarellos.
Nunha entrevista no Bos días da TVG, Fernández confesou que a desaparición da súa compañeira e amiga da corporación os deixou "descolocados", pero explica que el e o seu equipo están moi ilusionados, satisfeitos e con ganas de traballar para os veciños de Lugo.
Na entrevista, Fernández indicou que se sente moi apoiado polos seus compañeiros, que decidiron que era a persoa adecuada, e tamén polos lugueses, que o animaron a dar o paso. Afirma: "A máxima aspiración que podía ter en política é ser alcalde da miña cidade". E engade: "Serei alcalde mentres os veciños e veciñas de Lugo queiran".
Miguel Fernández asume a alcaldía co mesmo equipo que acompañou a Paula Alvarellos, ao que suma unha nova área: a de migracións. Afirma que continuará co modelo de cidade emprendido pola súa predecesora, co obxectivo de facer de Lugo unha cidade verde, ecolóxica, amable, harmónica, onde fagan compatibles as grandes intervencións con pequenas actuacións que melloren a vida da xente.
O alcalde confía en rematar canto antes as obras que se están acometendo no centro da cidade, que se viron atrasadas, afirma, por factores como o clima adverso ou a aparición de restos arqueolóxicos. "Sabemos que as obras molestan os veciños e deben ir a ritmo".