Cambio de competencias pero non de caras nunha nova remodelación do Goberno Jácome
José Ignacio González, Antonio Fernández e Ana Fernández, asumen este luns diferentes responsabilidades no Goberno local da cidade, ao intercambiarse competencias

Os concelleiros de Democracia Ourensá, José Ignacio González, Antonio Fernández e Ana Fernández, asumirán desde este luns diferentes responsabilidades no Goberno local da cidade, ao intercambiarse competencias.
Segundo informou o Concello da cidade das Burgas, o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, asinará este luns pola mañá a nova delegación de competencias.
José Ignacio González, ata o de agora edil de Participación Cidadá, farase cargo de Seguridade Cidadá; e Antonio Fernández, que ostentaba a área de Seguridade Cidadá, pasará a facerse cargo de Participación Cidadá e Contratación, que compatibilizará con Administración Xeral e Loxística (departamentos que xa dirixía).
A ata o de agora concelleira de Contratación, Ana Fernández, asumirá a xestión da área de Mobilidade e Transporte Público.
Mentres, o departamento de Avogacía Consistorial, que dirixía esta concelleiro, será agora asumido polo propio rexedor, Gonzalo Pérez Jácome.