Sumar incorporará a seis membros do partido en Galicia á súa nova dirección política
A formación celebra esta fin de semana a súa asemblea para consolidarse como partido tras o pacto do SMI e a aposta por alianzas

Movemento Sumar incorporará a seis membros do partido en Galicia á súa nova dirección política, que previsiblemente sairá elixida esta fin de semana na asemblea estatal da formación para escoller ao seu máximo órgano de dirección, o Grupo de Coordinación.
Para este órgano haberá dúas candidaturas, pero a delegación galega apostará de forma íntegra por 'Construír a esperanza', encabezada por Lara Hernández, con Yolanda Díaz de número 3 e na que tamén estará en postos destacados a portavoz do grupo parlamentario, Verónica Martínez Barbeiro.
Tamén estarán o deputado Manuel Lago, Juan Díaz Villoslada e Rocío Núñez Rúa. Ademais, incorporarase directamente ao Grupo de Coordinación por designación directa de Movemento Sumar Galicia o seu secretario xeral, Paulo Carlos López, así como a secretaria de Organización, Gloria Alonso.
No acto de peche, que se celebrará o domingo ás 11:30 horas no Teatro Alcázar de Madrid, tomará a palabra Verónica M. Barbeiro e Yolanda Díaz, xunto a Ernest Urtasun e os secretarios xerais de CC.OO. e UXT.
Así mesmo, Paulo Carlos López defenderá que a organización se posicione oficialmente a favor dun referendo consultivo sobre Altri na comarca da Ulloa e que se promova desde o Goberno e desde o Congreso a través dunha emenda ao texto político feita pola delegación galega.