Publicador de contidos

Publicador de contidos

Feijóo asegura que non vai parar ata sacar a Pedro Sánchez da Moncloa

Feijóo asegura que non vai parar ata sacar a Pedro Sánchez da Moncloa

Na clausura da interparlamentaria do PP, renovou o seu compromiso para que España teña un Goberno do que fiarse

Feijóo na clausura da Interparlamentaria do PP en Sevilla. EFE/Julio Muñoz Feijóo na clausura da Interparlamentaria do PP en Sevilla. EFE/Julio Muñoz
G24.gal 30/03/2025 14:33 Última actualización 30/03/2025 15:12

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, renovou no peche da 27 reunión interparlamentaria celebrada en Sevilla o seu compromiso para sacar a Pedro Sánchez da Moncloa e non parar ata que España teña "un Goberno do que fiarse".

"Vou volver repetir as miñas palabras de hai tres anos menos tres días, que dixen en Sevilla: non son infalible, pero si son tenaz e non vou parar ata que logre que os españois teñan un Goberno do que fiarse", apuntou na intervención de peche do evento que reuniu máis de 750 parlamentarios do partido.

Cando se cumpren tres anos da súa elección como líder do PP, asegurou que mentres os outros partidos "fregaban as mans coa crise" da formación, os populares puxéronse "ao choio" e hoxe é "o primeiro partido de España" e "o rival para bater de todos, da esquerda e da dereita".

Neste tempo, dixo Feijóo, o partido fíxose forte, especialmente a nivel rexional, aínda que, recoñeceu, "faltou completar o 100 %" dos obxectivos, é dicir, chegar á Moncloa.

"Gañamos as xerais, pero o Partido Socialista preferiu a deshonra e o desgoberno a un goberno vencedor", afirmou o político galego, seguro de que poderá cumprir o seu obxectivo final "sen atallos".

"Chegaremos un pouco máis tarde, pero chegaremos ben. Non renunciaremos aos nosos principios nin ao noso compromiso nin ao noso programa votado nas urnas. Non nos someteremos á chantaxe de ninguén", afirmou o líder do PP, quen estivo precedido no seu discurso polo presidente andaluz, Juanma Moreno.

O novo despotismo de Sánchez

O presidente Pedro Sánchez foi o protagonista no discurso de Feijóo, quen afirmou que o socialista está a exercer un "réxime unipersoal no que sobra o Parlamento", "un novo despotismo", o de "todo para Sánchez, pero sen o pobo".

Un "despotismo" que se manifesta, ao seu xuízo, de tres xeitos: impide debater no Congreso, incumpre o aprobado nas Cortes e incumpre a Constitución.

Feijóo criticou que Sánchez non presente orzamentos e dixo que se non se somete ás Cortes debería someterse "ás urnas".

"Non é posible seguir coa decadencia democrática do Estado de dereito, das liberdades e da dignidade dunha nación", sentenciou.

O Goberno de Sánchez, engadiu, tampouco quere que se vote "o plan de defensa de seguridade e soberanía que necesita España", á vez que "desapareceu o debate do estado da nación".

Todo iso, asegurou, é "para que non se escoite o resto de grupos parlamentarios".

"Non hai principios, non hai proxecto de nación, non hai orzamento, non hai plan de defensa, non hai seguridade, non hai maioría progresista nin maioría nin progreso, non hai Goberno, non hai presidente e non queren que haxa Parlamento porque saben que xa non teñen futuro", afirmou.

En opinión de Feijóo, Sánchez non quere someterse ás cámaras porque "quere telo todo baixo control porque se lle está indo das mans".

"Ten medo e é normal que o teña. Ten medo ao seu futuro, ten medo á prensa libre e a que se conte o que fan. Teñen medo a que a xustiza actúe e os poña no seu sitio, teñen medo ao seu propio Goberno porque está roto, teñen medo ata aos seus socios porque están nas súas mans", sentenciou.

E tamén teñen medo, agregou, "á liberdade" e a que os españois digan o que pensan.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade