O PP levará ao Constitucional o veto do Congreso aos cambios da lei de desperdicio alimentario
Cuca Gamarra dixo este sabado na 27 Interparlamentaria do PP en Sevilla que o PP "non vai quedar quieto" e que presentará a reclamación contra o veto de catro formas diferentes
O veto da Mesa do Congreso impediu que se debatesen varias emendas procedentes do Senado á lei de desperdicio alimentario

O Partido Popular levará ao Tribunal Constitucional o veto que a Mesa do Congreso fixo ás emendas que incorporou o Senado á lei de desperdicio alimentario, segundo anunciou este sábado a secretaria xeral do partido, Cuca Gamarra, na interparlamentaria do PP.
Gamarra explicou que a reclamación vana facer de catro maneiras: presentando desde o Senado un conflito de competencias co Goberno e outro co Congreso e mediante dous recursos, de amparo e de inconstitucionalidade, que presentarán os deputados e senadores populares.
"Non imos quedar quietos ante o veto do Goberno de España e da Presidencia e da Mesa do Congreso ao Senado como cámara, pero tamén a unha maioría parlamentaria no Congreso para que non se aproben as leis. Non nos imos quedar quietos" recalcou Gamarra
O veto que aprobou a maioría da Mesa do Congreso, contra o que vai recorrer o PP, impediu que se debatesen na cámara baixa varias emendas procedentes do Senado da citada lei, entre elas unha do PP para reducir o IVE aos alimentos e outra de ERC e Junts para postergar o peche de plantas de tratamento de xurros, feita a favor do sector porcino.
Gamarra acusou a Sánchez de "actuar como un pequeno ditador" e pediulle que deixe de facelo e que "empece a respectar a separación de poderes e os contrapoderes" en España.