O Celta perdoa e non pasa do empate contra As Palmas (1-1)
O cadro vigués, que se adiantou cun gol de Alfon, acabou empatando malia xerar moitas máis ocasións que o seu rival
O colexiado anuloulle un gol ao cadro canario no segundo tempo por fóra de xogo logo de revisalo no VAR
O Celta deixou marchar con vida a Unión Deportiva As Palmas. Empate (1-1) final nun partido no que tivo 19 remates a porta por 4 do seu rival e no que levou o dominio do encontro ao longo dos noventa minutos.
A primeira parte comezou cun Alfon moi bulideiro xerando perigo en cada acción na que participaba desde a banda esquerda. As Palmas avisou cun disparo de Fabio Silva que sacou Guaita pero o Celta seguía gozando das mellores oportunidades. Nunha delas, Borja Iglesias levou por diante o porteiro Cilessen, que se retirou mancado cun golpe no peito. No tempo engadido da primeira metade Alfon encarou a Bajcetic, marchou del e marcou cun gran disparo pegado ao poste.
Diego Martínez meteu dous trocos no descanso e non lle puido saír mellor a xogada. Nada máis principiar o segundo tempo Moleiro acadaba o empate.
O Celta volveu levar o peso do partido e pisar con perigo a área visitante, pero nin Ilaix, nin Fer López, nin Alfon deron marcado. No minuto 70, o gran susto co tanto anotado por Fabio Silva e anulado por un fóra de xogo anterior de McBurnie. Coa entrada de Aspas foi á procura do gol do triunfo o Celta, pero o tanto non chegou.
