Claudio e Diego Martínez discordan na xogada do gol anulado a Fabio Silva
O gol foi anulado polo colexiado por un fóra de xogo de McBurnie, que, segundo o adestrador visitante, non interviña na xogada
Os adestradores falan da feira segundo lles vai nela. Houbo unha xogada moi polémica no Celta-As Palmas co gol anulado a Fabio Silva no minuto 70 de partido. Martínez Munuera revisou a xogada no VAR e interpretou que McBurnie, en claro fóra de xogo, participaba dun xeito activo na xogada que acabou rematando o dianteiro portugués.
Porén na conferencia de prensa posterior ao partido, o adestrador vigués das Palmas Diego Martínez estaba moi amolado pola determinación arbitral. "Entendede a miña frustración", dixo o técnico, que tiña moi claro que o seu xogador non intervén na xogada.
A visión de Claudio Giráldez era radicalmente oposta. "Para min é clara, un grande acerto do VAR. O dianteiro dificulta unha acción defensiva de Starfelt e intervén dun xeito decisivo", opinaba o técnico celeste.