Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Real Madrid métese na final de Copa con espectáculo, sufrimento e polémica (4-4)

O Real Madrid métese na final de Copa con espectáculo, sufrimento e polémica (4-4)

A Real Sociedade vendeu moi cara a eliminación e chegou a ir gañando por 1-3 no minuto 80

"O Real Madrid non precisa estas axudas para gañar", dixo o técnico da Real pola acción do 3-3

Rudiger marcou o gol que metía o seu equipo na final no minuto 115

G24.gal 01/04/2025 22:58 Última actualización 02/04/2025 00:08

O Real Madrid é o primeiro finalista da Copa do Rei, non sen sufrimento despois de empatar (4-4) coa Real Sociedade nun emocionante e espectacular partido de volta. Os de Ancelotti fixeron bo o resultado da ida en San Sebastián (0-1). 

Endrick tivo a primeira oportunidade do partido cunha gran chilena que marchou pegada ao pau. Pero foi a Real Sociedade a que se adiantou no marcador nunha xogada de Barrenetxea. 

O Real Madrid estaba contra as cordas ata que volveu aparecer o brasileiro Endrick, fundamental cos seus goles nesta edición da Copa. Seu foi o gol do empate que devolvía a vantaxe ao equipo madrileño. 

Na segunda parte o encontro camiñaba sen demasiadas ocasións ata que Lunin realizou unha extraordinaria dobre intervención no minuto 70. A igualdade volvía á eliminatoria nun centro de Pablo Marí que tocou cara a súa propia portería David Alaba. 

A Real continuou apertando e aproveitou a crise de xogo do seu rival para marcar o terceiro cun remate de Oyarzábal que volveu a petar en Alaba para poñerse por primeira vez por diante na eliminatoria a dez minutos do remate. 

Pero no Bernabeu neste tipo de eliminatorias nada está sentenciado ata que asubía o colexiado. Tardou un minuto o equipo branco en igualar a eliminatoria nunha xogada maxistral de Vinicius rematada por Bellingham. 

E no minuto 86 Tchouamení devolvía a vantaxe ao Real Madrid no medio da enésima tolemia de partido no Bernabeu en partidos eliminatorios. 

Pero, desta volta, o desenlace non foi o habitual. Xa no engadido Oyarzábal remataba de cabeza unha falta para poñer o 3-4 que levaba o partido á prórroga. 

Cando todo parecía que ía decidirse nos penaltis emerxeu a figura de Rudiger para conectar unha cabezada que meteu o Real Madrid na final de Copa. Era o minuto 116 e xa non lle quedou tempo a unha Real Sociedade que pode marchar moi orgullosa do partido de volta. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade