O Goberno di que "non fará perder o tempo" e non presentará presupostos se non ten os apoios garantidos
O Goberno di que "non fará perder o tempo" e non presentará presupostos se non ten os apoios garantidos
Sumar mételle presión ao PSOE para que presente o proxecto de contas para o 2025 no Congreso
O PP considera que o Goberno sofre unha "extrema debilidade"
Pedro Sánchez explicará este mércores no Congreso o seu plan para incrementar o gasto en defensa, tal e como se acordou en Bruxelas.
O principal partido da oposición, o PP, cre que España non vai poder cumprir eses compromisos pola "extrema debilidade" dun goberno que "está partido" e sen apoio dos seus socios parlamentarios, segundo o seu voceiro no Congreso, Miguel Tellado.
A última fenda na coalición ten que ver cos presupostos xerais. Sumar mete presión ao PSOE para que os presente xa. "Imos seguir negociando co PSOE para que traia os presupostos e poidamos, polo menos, discutilos", insistía hoxe a súa deputada Aina Vidal.
Pero, a esta altura, socios como Podemos xa o descartan. Javier Sánchez, voceiro dos morados no Congreso, cre que o presidente "prefire aumentar o gasto militar ás agochadas, sen ter o debate duns presupostos xerais".
Os socialistas insisten en que seguen negociando para sacalos adiante. O ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes asegura que hai contactos "cada día". Pero ao mesmo tempo descartan presentalos se non teñen os apoios asegurados previamente. Do contrario, di a voceira Pilar Alegría, "podemos facer perder o tempo ao Congreso dos Deputados e aos cidadáns".