Feijóo esíxelle a Sánchez que presente no Congreso os presupostos xerais
O líder do PP pídelle, ademais, que convoque o debate sobre o estado da nación
Sumar considera que o Goberno está obrigado a tentar aprobar unhas novas contas públicas
Nos últimos días, ministros do PSOE, e mesmo o presidente do Goberno, están preparando o terreo para nin sequera presentar un novo proxecto de contas para este ano.
Sumar non comparte a estratexia. Segundo Lara Hernández, secretaria de Organización do partido, "a obriga do Goberno é sempre tentar que haxa presupostos xerais do Estado".
Podemos reclama que presenten uns no Congreso. Cren que o Goberno renuncia por conveniencia. Para Pablo Fernández, voceiro de Podemos, "esta situación pode virlle moi ben ao executivo de Sánchez para impor recortes que sufraguen este incremento do gasto militar pola porta de atrás".
Pola contra, Emiliano García-Page cre que é mellor que non haxa novos presupostos se teñen que saír, di, coas "peaxes" de Junts. O presidente de Castela-A Mancha cre que "é hora de que o PSOE rompa claramente con Puigdemont".
Pola súa parte, o líder do PP faille tres demandas a Pedro Sánchez. "Que leve ao Congreso o seu plan de defensa, se o ten; que presente os PXE na cámara como é o seu deber constitucional e, terceiro, que convoque o debate do Estado da Nación para que retrate a soidade dun Goberno que xa non é tal e a soidade dun presidente zombi", asegurou Alberto Núñez Feijóo na reunión cos líderes territoriais do PP.