Publicador de contidos

Publicador de contidos

Díaz agarda pechar a negociación para eximir de IRPF a quen cobre o SMI: "Espero que haxa acordo"

Díaz agarda pechar a negociación para eximir de IRPF a quen cobre o SMI: "Espero que haxa acordo"

A vicepresidenta segunda do Goberno e líder de Sumar defendeu que o Executivo debe presentar no Congreso un proxecto de orzamentos xerais do Estado

Yolanda Díaz conversa con Pedro Sánchez e María Jesús Montero nos seus escanos no Congreso (EFE/J. P. Gandul)
G24.gal 26/03/2025 09:57

A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, confirmou este mércores que está a negociar co Ministerio de Facenda que dirixe a vicepresidenta socialista María Jesús Montero eximir de IRPF a quen só perciban o salario mínimo interprofesional (SMI), pero dixo que aínda non se pechou o acordo e que seguen tratando de fixar as rendas exentas.

"Estamos a traballar e esperamos que o que defendemos sempre, que é que os traballadores e as traballadoras que só perciban as rendas do salario mínimo non tributen no noso país, pero seguimos pechando o acordo", dixo nos corredores do Congreso.

Díaz, que desmentiu que Sumar acordase co PSOE non presentar listas nunha serie de provincias nas próximas eleccións xerais para non dividir o voto, garantiu que, cando se peche o acordo sobre o IRPF, comunicaranse os detalles.

A líder de Sumar tamén reiterou que o Goberno debe presentar un proxecto de orzamentos xerais do Estado para 2025, aínda que non teña garantidos os acordos, unha opinión que non comparte a ala socialista do Executivo, que o considera unha perda de tempo.

"Fomos claras. Nós cremos que o Goberno ten a obrigación de presentar as contas públicas, presentar un proxecto de país e tentar sacalos adiante, e se despois as formacións políticas non queren que se aproben as contas públicas, terán que render explicacións, pero o Goberno ten que facer a súa tarefa".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade