Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dimite o responsable de vacinas do departamento de saúde estadounidense

Dimite o responsable de vacinas do departamento de saúde estadounidense

Considera que a posición antivacinas do secretario de Saúde, Robert F. Kennedy Jr, é irresponsable e un perigo para a poboación

Sede do departamento de Saúde e Servizos Humanos. REUTERS/Leah Millis Sede do departamento de Saúde e Servizos Humanos. REUTERS/Leah Millis
G24.gal 29/03/2025 08:43 Última actualización 29/03/2025 12:34

Peter Marks, o máximo responsable de vacinas da Administración de Alimentos e Medicamentos (FDA) dos Estados Unidos, dimitiu este venres ao asegurar que a posición antivacinas do secretario de Saúde, Robert F. Kennedy Jr, é irresponsable e un perigo para a poboación.

"Quedou claro que (Kennedy) non desexa a verdade nin a transparencia, senón máis ben a confirmación servil da súa desinformación e as súas mentiras", asegura nunha carta enviada á comisionada en funcións da axencia, Sara Brenner, recollida por medios estadounidenses.

O director do Centro de Avaliación e Investigación Biolóxica da FDA, fixo referencia ao recente brote de sarampelo entre o 1 de xaneiro e o 20 de marzo, cando se rexistraron 378 casos.

Segundo Marks, esta enfermidade contaxiosa, "que matou máis de 100.000 nenos non vacinados o ano pasado en África e Asia, fora eliminado das nosas costas" ata o de agora.

Robert F. Kennedy Jr., coñecido polas súas teorías da conspiración sobre as vacinas, recomendou durante este brote de sarampelo o uso de medicina alternativa.

Baixo presión

De acordo con unha fonte familiarizada co asunto, citada por The New York Times, Marks dimitiu baixo presión, xa que un funcionario do Departamento de Saúde e Servizos Humanos díxolle este sábado que podía renunciar ou ser despedido.

"A miña esperanza é que nos próximos anos se poña fin ao ataque sen precedentes á verdade científica que afectou negativamente á saúde pública do noso país, para que a cidadanía poida beneficiarse plenamente da amplitude dos avances da ciencia médica", apuntou na súa misiva.

O rotativo neoiorquino indica que Marks, encargado de supervisar as vacinas e comprobar que son seguras, estaba disposto a falar con Kennedy sobre as súas preocupacións respecto á seguridade e transparencia das mesmas.

A dimisión farase oficial o vindeiro 5 de abril. Durante a pandemia, dirixira o programa de vacinas contra o coronavirus da FDA.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade