Aumentan a máis de 2.000 os mortos e preto de 4.000 os feridos no terremoto en Myanmar
O NUG alertou do risco de choivas en gran parte do país, o que pode complicar a emerxencia pola falta de refuxios para persoas cuxas vivendas quedaron destruídas
As autoridades prodemocráticas denunciaron que as forzas da xunta militar levaron a cabo ata 11 bombardeos no país desde que golpeou o sismo

Os falecidos polo terremoto de magnitude 7,7 que sacudiu o venres Myanmar, a antiga Birmania, ascenderon a máis de 2.000, segundo cifras da xunta militar e da oposición prodemocrática, entre dificultades para as tarefas humanitarias no país en conflito.
O portavoz da xunta militar que detenta o poder desde o golpe de Estado de 2021, Zaw Min Tun, confirmou nunha mensaxe de telefonía móbil que o número de mortos aumenta a 2.056, mentres que hai máis de 3.900 feridos por mor do sismo.
Pola súa banda, o Goberno de Unidade Nacional (NUG, na súa siglas en inglés), oposto ao réxime castrense e que controla algunhas zonas do país, entre elas partes afectadas polo sismo, elevou hoxe no seu último boletín os falecidos a 2.418.
"Ata a tarde do 31 de marzo, o número de mortos confirmados polo terremoto ascendeu a 2.418, e moitas persoas seguen desaparecidas", sinalou nun boletín o NUG.
Medios locais independentes como o portal Mizzima soben a cifra a 3.000 falecidos, e denuncian que a asistencia prestada polo réxime castrense é insuficiente.
Problemas para a axuda
Tres días despois do terremoto, a despregadura da axuda avanza a contagotas, con rescatistas e persoal humanitario sorteando numerosas dificultades para chegar ás zonas máis afectadas, na rexión de Sagaing e de Mandalay, coas cidades homónimas entre os lugares máis impactados.
Imaxes aéreas mostran a destrución de Mandalay, con montañas de entullos e grandes edificios combados e derruídos na que é a segunda cidade máis grande do país.
Rescatistas chineses procederon á busca de vítimas en edificios derrubados, rescatando a primeira hora do luns catro persoas, entre elas un neno de cinco anos e unha embarazada.
Ao peche de polo menos dous aeroportos, entre eles o da capital, Naipyidó, e o de Mandalay, e á desfeita de estradas e pontes, engádense os enfrontamentos entre as forzas armadas e as guerrillas, que supoñen outro obstáculo no acceso a lugares afectados.
O NUG denunciou que os bombardeos militares continúan a pesar da traxedia natural, con polo menos 11 desde o sismo e un total de 10 falecidos.
A enviada especial de Nacións Unidas para Birmania (Myanmar), Julie Bishop, pediu un cesamento de hostilidades para concentrar os esforzos en axudar as vítimas.
"A continuación das operacións militares en zonas afectadas pola catástrofe entraña o risco de que se perdan máis vidas", indicou nun comunicado.
Situación desesperada
Actores humanitarios manteñen conversacións coa xunta para que emita con prontitude os visados a persoal especializado na atención de desastres. O réxime militar denegou así mesmo a entrada á prensa estranxeira para cubrir o terremoto.
A ONU esixiu acceso sen trabas para poder entregar medicinas e alimentos sen distinción política, nun país que xa tiña a un terzo da súa poboación (20 millóns de persoas) con necesidades básicas sen cubrir antes do sismo.
O organismo alertou que os hospitais están desbordados e que moitas persoas están a durmir á intemperie por medo a novas réplicas.
A oficina da ONU para Asuntos Humanitarios (OCHA, en inglés) explicou que aínda están a solicitar información sobre o "impacto masivo" que deixou o terremoto en "múltiples rexións".