Publicador de contidos

Publicador de contidos

As autoridades birmanas cifran en 1.700 os mortos e en 3.400 os feridos polo tremor do venres

As autoridades birmanas cifran en 1.700 os mortos e en 3.400 os feridos polo tremor do venres

Medios locais independentes elevan o balance de vítimas mortais ata os 3.000 e denuncian que a axuda por parte do réxime castrense é insuficiente

72 horas despois do sismo, os equipos de rescate conseguiron encontrar con vida un neno de cinco anos, unha muller embarazada e unha moza de 29 anos nun edificio en ruínas en Mandalay

Os equipos de rescate seguen atopando vítimas mortais en Mandalay, unha das cidades máis afectadas polo terremoto que este venres sacudiu Myanmar (REUTERS / Stringer) Os equipos de rescate seguen atopando vítimas mortais en Mandalay, unha das cidades máis afectadas polo terremoto que este venres sacudiu Myanmar (REUTERS / Stringer)
G24.gal 31/03/2025 08:46

As tarefas de rescate en Myanmar (a antiga Birmania) entraron este luns nun período crítico para atopar sobreviventes 72 horas despois do terremoto que sacudiu o centro-norte do país o venres. A xunta militar sitúa en 1.700 os falecidos e en 3.400 os feridos, mentres medios independentes falan xa de 3.000.

O réxime castrense, que detén o poder desde o golpe militar de 2021, dixo este luns a través da canle de radio e televisión MRTV, baixo control militar, que un equipo chinés rescatou hoxe un neno de cinco anos, unha muller embarazada e outra de 29 anos dun edificio en ruínas en Mandalay, a segunda maior cidade do país. Os rescatados permaneceran atrapados durante máis de 60 horas e foron trasladados ao hospital.

Trátase dun dos escasos comunicados da xunta sobre a situación en Myanmar no cuarto día das tarefas de rescate, tras o forte sismo ocorrido o venres ao mediodía na rexión de Sagaing, con ducias de réplicas de menor magnitude desde entón.

Información escasa e axuda insuficiente

Medios locais independentes como a axencia de noticias Mizzima afirnan que a cifra de falecidos podería superar os 3.000 e denuncian que a axuda por parte do réxime castrense é insuficiente.

ONG de axuda internacional informaron da dificultade para chegar ás zonas máis afectadas, como Mandalay e Sagaing, as dúas cidades máis próximas ao epicentro do tremor.

Os aeroportos de Mandalay e Naypyidaw atópanse pechados polo impacto do terremoto, que destruíu infraestruturas clave.

Prevese que Mandalay sexa un dos lugares máis prexudicados, aínda que o difícil acceso e os cortes de Internet e telefonía complican saber aínda o alcance da traxedia. A xunta dixo o sábado que había preto de 700 falecidos na urbe tras unha visita. Segundo a Cruz Vermella, o 70 % da cidade de Sagaing está destruída.

O Goberno de Unidade Nacional (NUG), que defende a restauración da democracia en Birmania tras o golpe, ofreceu unha tregua tras o tremor.

O terremoto, o maior en décadas en sacudir Birmania, percibiuse con intensidade en Bangkok, onde polo menos 18 persoas morreron principalmente polo derrubamento dun rañaceos en obras. Deceneas de persoas seguen aínda desaparecidas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade