Volven aparecer pintadas anónimas para sinalizar fochancas nas estradas de Vigo
Cidadáns fartos do mal estado das infraestruturas viarias están a marcar con spray fochancas e sumidoiros por toda a cidade
A historia repítese, xa que o ano pasado tamén apareceron sinalizacións misteriosas por toda a cidade.
Cidadáns xusticeiros ou fartos do mal estado das infraestruturas viarias están a marcar con spray fochancas e sumidoiros por toda a cidade.
Tratan de advertir a condutores e peóns, pero tamén é un chamamento aos responsables do mantemento das vías.
"Paréceme ben que alguén o exerza como modo de protesta porque as veces as rúas, non todas, están bastante mal. E hai fochancas perigosas, non son pequenas fendas, e pódenche romper un pneumático ou peor", di un veciño de Vigo.
Pintadas na saída do túnel de Beiramar, pero tamén en beirarrúas ao longo de toda a cidade olívica.
"Está ben, porque así polo menos non rompemos coches os que imos por alí, así que grazas", di outra veciña de Vigo.
Non é algo novo. O ano pasado o pintor anónimo de fochancas resultou ser un policía que alertaba os usuarios do perigo do mal estado dalgunhas rúas e estradas.
"Teño un amigo que rompeu o coche e a moto".
"É perigoso para persoas e vehículos, que sofren as rodas e os amortecedores".
O Concello de Vigo acumula sentenzas en contra tras as demandas cidadás interpostas polo mal estado das infraestruturas municipais que ocasionan lesións a peóns e dános nos coches.