Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump advirte de problemas para Zelenski se tenta retirarse do acordo de terras raras

Trump advirte de problemas para Zelenski se tenta retirarse do acordo de terras raras

As terras raras e os minerais críticos, entre os que se inclúen o litio, o cobalto, o grafito e o níquel, son clave na fabricación de produtos tecnolóxicos, e Ucraína podería albergar o 5 % das reservas mundiais destes minerais

G24.gal 31/03/2025 08:12

O presidente estadounidense Donald Trump dixo este domingo que o seu homólogo ucraíno Volodimir Zelenski está a tentar retirarse dun acordo sobre terras raras cos Estados Unidos e advertiu de que, de non concretarse, afrontaría grandes problemas.

"Creo que Zelenski, por certo, está a tentar retirarse do acordo sobre terras raras, e, se o fai, terá problemas, gravísimos", subliñou á prensa o republicano, cando viaxaba de regreso a Washington no Air Force One.

Trump lembrou que chegara a un acordo sobre as terras raras con Zelenski e agora o presidente ucraíno quere renegocialo.

“Quere ser membro da OTAN. Vaia, nunca ía ser membro da OTAN. Enténdeo, así que, se busca renegociar o acordo, enfrontarase a grandes problemas", sentenciou o mandatario.

O tema das terras raras foi un punto clave nas negociacións impulsadas por Trump para lograr un acordo de paz en Ucraína, país que se cre que podería albergar o 5 % das reservas mundiais destes minerais.

Zelenski tiña previsto asinar, a finais de febreiro, un acordo con Trump que outorgaría aos EUA certo control sobre o sector de minerais críticos en Ucraína. Con todo, tras unha tensa reunión de ambos os mandatarios no Despacho Oval da Casa Branca, o pacto non se concretou.

As terras raras e os minerais críticos, entre os que se inclúen o litio, o cobalto, o grafito e o níquel, xogan un papel clave na fabricación dunha ampla variedade de produtos tecnolóxicos, desde semicondutores para sistemas de defensa ata paneis solares ou baterías para vehículos eléctricos.

O pasado 20 de marzo, Trump asinou unha orde executiva para impulsar a explotación nacional de minerais críticos e terras raras, un sector clave para o desenvolvemento tecnolóxico no que A China ten un dominio case total.

O acordo de Zelenski para as terras raras está condicionado a que a Casa Branca se comprometa a apoiar a Ucraína se a guerra con Rusia continúa.

Nese sentido, Trump afirmou que el e o seu equipo estaban a avanzar cara a un acordo de cesamento do fogo entre Ucraína e Rusia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade