O Goberno confirma que en xuño asinará o contrato para Navantia dun novo buque para a Armada
O BAC construirase en Navantia e dará traballo a 1.800 persoas durante catro anos
Nun momento de incremento do investimento en materia de defensa, Ferrol prepárase para impulsar novos proxectos en construción naval e tecnoloxía. Ás cinco fragatas F-110 que xa constrúe Navantia vén unirse o novo buque ao que o Goberno pon data.
"En xuño imos asinar o orde de execución do buque de aprovisionamento en combate. Entendemos que vai ser unha historia de moitos proxectos e programas compartidos", adianta a Ministra de Defensa, Margarita Robles.
Os investimentos en defensa tamén servirán para mellorar a seguridade do arsenal militar de Ferrol, unha peza clave para a Armada.
"Este sistema consiste na utilización de medios antiintrusión e de reacción máis avanzados. Será un dos piares do futuro arsenal intelixente da Armada, un estudo conceptual que está liderando o Arsenal de Ferrol.", explica Antonio Piñeiro, xefe de Estado Maior da Armada.
Un proxecto que tamén permitirá avanzar na histórica demanda de abrir Ferrol ao mar. A máxima autoridade da Armada e o alcalde da cidade asinaron un convenio que dá luz verde á derruba da muralla do arsenal.
"É un proxecto que vai marcar un antes e un despois no futuro da cidade", asegura o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey.
As obras comenzarán antes de que remate o ano. A previsión é que en 2027 a transformación da fachada marítima de Ferrol sexa unha realidade.