Publicador de contidos

Publicador de contidos

O rei coñece en Ferrol os plans para abrir a cidade ao mar e as fragatas F-110

O rei coñece en Ferrol os plans para abrir a cidade ao mar e as fragatas F-110

O monarca estivo acompañado na súa visita pola ministra de defensa, Margarita Robles, e polo alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela

(Europa Press/Gustavo de la Paz)
EFE 20/02/2025 13:23 Última actualización 20/02/2025 16:29

O rei Filipe VI visitou este xoves Ferrol para percorrer o Arsenal Militar e o estaleiro de Navantia, acompañado pola ministra de Defensa, Margarita Robles, e no percorrido interesouse polo proxecto de apertura da cidade ao mar e as fragatas F-110.

O monarca recalou ás 10:33 horas no patio da Sala de Armas do recinto castrense, á que chegara uns segundos antes a ministra de Defensa, Margarita Robles, que o acompañou na súa primeira estancia na localidade desde 2016.

Tras o saúdo ás autoridades e un desfile militar, o xefe do Estado tomou parte nun encontro, de preto de trinta minutos de duración, no cal o rexedor ferrolán, José Manuel Rey Varela, explicoulle o proxecto Abrir Ferrol ao Mar, que inclúe como principal fito rebaixar parcialmente a altura da muralla que rodea ao propio Arsenal.

Posteriormente, a comitiva dirixiuse ao histórico dique da Campá, considerado como a principal obra hidráulica do século XIX en España, onde os representantes civís e militares pousaron para unha fotografía institucional.

A visita de Filipe VI a Ferrol completouse coa súa presenza no estaleiro de Navantia, onde coñeceu as innovacións tecnolóxicas aplicadas ás fragatas F-110, en desenvolvemento na planta pública.

"Preséntámoslle á súa maxestade o sistema de simulación integrada", explica Rafael Morgade, responsable de Tranformacion Dixital de Navantia.

Unhas unidades que terán o seu apoio loxísitico nese renovado Arsenal Militar. O rei Filipe VI puido coñecer as obras de transformación que se están desenvolvendo na principal base da Armada no norte de España.

"Son obras de transformación desta unidade de altísima relevancia de apoio á Armada", di Juan Carlos Riveiros, responsable de comunicación do Arsenal Militar.

Unhas obras que conectan co proxecto municipal de abrir Ferrol ao mar, unha demanda histórica da cidade.

"Ferrol naceu para construír barcos e este proxecto vainos permitir seguir facéndoo e tamén recuperar a traseira da cidade como parte máis atractiva", asegura José Manuel Rey Varela, alcalde de Ferrol.

Esta é a segunda visita do Rei a Ferrol desde a súa coroación. A este Arsenal Militar tamén chegará o próximo mes de xullo a princesa de Asturias ao regreso do seu cruceiro de instrución a bordo do Juan Sebastián de Elcano. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade