Sánchez aposta por un Exército europeo e adianta un plan nacional para impulsar a industria da defensa
Sánchez aposta por un Exército europeo e adianta un plan nacional para impulsar a industria da defensa
Sánchez garante que o gasto en seguridade non tocará "nin un céntimo" o gasto social e so logra o apoio, con matices, de Junts e PNV
Feijóo defende un pacto de Estado en defensa e reta a Sánchez a presentar xa uns orzamentos: "É o primeiro punto de calquera plan de defensa"
Críticas dos socios de goberno: Sumar rexeita o aumento de gasto militar porque "non equivale a máis seguridade" e Podemos chama o presidente "o señor da guerra"
Críticas tamén de EH Bildu e o BNG, que pide apostar pola vía diplomática para evitar conflitos e cuestiona a promesa de Sánchez de que non suporá reducción do gasto social
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, defendeu a necesidade de que a UE se dote dunha verdadeira política de seguridade e defensa, incluída a creación dun Exército europeo, á vez que adiantou que o Executivo anunciará antes deste verán un plan nacional para impulsar a industria da seguridade e a defensa.
Durante a súa comparecencia ante o Pleno do Congreso dos Deputados para explicar a postura do Goberno no actual debate a nivel europeo para incrementar o gasto en defensa, Sánchez incidiu en que "o canto e o como" se financia o gasto en defensa é só unha parte da discusión e "o verdadeiramente importante" é "se investimos xuntos e investimos mellor".
"Os europeos debemos pasar de poñer en común as nosas políticas de seguridade e de defensa a desenvolver unha política de seguridade e de defensa común con instrumentos de financiamento únicos", como son as transferencias e as compras conxuntas, desenvolvendo "consorcios industriais paneuropeos" e "aumentando a interoperabilidade dos nosos equipos", defendeu.
Así mesmo, engadiu, "o que debemos facer é crear o Exército europeo". "Unhas forzas armadas comunitarias, integradas por 27 países e guiadas pola mesma bandeira e polos mesmos intereses", sostivo. Para Sánchez, "só así nos converteremos nunha verdadeira unión e garantiremos unha paz duradeira na nosa rexión".
No plano nacional, o presidente do Goberno adiantou que antes de verán presentarase un gran plan "para o desenvolvemento e impulso da tecnoloxía e a industria da seguridade e a defensa españolas".
Este plan, explicou, "beberá da experiencia adquirida ao longo dos últimos anos grazas ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, concentrará o groso do investimento adicional esixido para cumprir cos nosos socios europeos" e canalizará "programas de colaboración público-privada para crear un novo salto tecnolóxico e industrial en España".
A intención é, precisou, apostar "pola innovación, polo desenvolvemento de tecnoloxías de dobre uso, para a creación de novas empresas e o escalado de PEMES e de 'start-ups' locais".
"O obxectivo deste plan é que España contribúa e ao mesmo tempo se beneficie deste estímulo tecnolóxico e industrial para fortalecer o espazo europeo da seguridade e a defensa" e que o faga "sendo fieis ás nosas prioridades e aos nosos principios", remarcou.
Sánchez, reiterou que cumprirá o seu compromiso para incrementar o gasto en Defensa e que ademais o fará sen tocar "un céntimo" do gasto social. "Mentres este Goberno siga en pé, e eu continúe sendo presidente do Goberno, este esforzo adicional de seguridade non se fará en detrimento do noso Estado do benestar", indicou ante os seus socios parlamentarios, boa parte deles en contra do aumento do gasto militar.
Na mesma liña, sostén que cumprirá os compromisos adquiridos por España coa Unión Europea "porque ninguén como Europa para coidar a Europa" e por tanto vai aumentar o investimento en seguridade e defensa.
Sánchez anunciou tamén que o Executivo está a preparar un plan de continxencia para axudar os sectores españois que puidesen verse máis afectados por unha posible guerra comercial cos Estados Unidos.
Sánchez fixo fincapé en que Europa non quere unha guerra comercial, pero insistiu en que, se hai que dala, está preparada.
Ante esa posibilidade informou de que o Goberno está a negociar co resto dos Vinte e sete esa resposta "proporcional, intelixente e unitaria".
Feijóo defende un pacto de Estado e reta a Sánchez a presentar xa orzamentos: "É o primeiro punto de calquera plan de defensa"
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, recriminoulle ao xefe do Executivo, Pedro Sánchez, que compareza ante o Pleno do Congreso para non contar "nada" sobre o gasto en Defensa e retoulle a presentar xa uns orzamentos xerais do Estado porque "é o primeiro punto de calquera plan de defensa". Ademais, avisouno de que o Partido Popular non será o seu "socio auxiliar cando os demais lle fallen".
Feijóo asegurou que o xefe do Executivo "non pode marchar" do Congreso sen "aclarar se vai aprobar os orzamentos". "Este é o primeiro punto de calquera plan de defensa. Pretender que vexamos normal afrontar este contexto con orzamentos caducados dunha maioría que xa non existe e dunha lexislatura que xa non existe é de aurora boreal", aseverou.
Da mesma maneira, o xefe da oposición solicitoulle a convocatoria dun debate sobre o estado da nación "o máis axiña posible" porque vai cumprir "sete anos de presidente e celebrou un".
"Mentres non faga ningunha destas dúas cousas -presentar orzamentos e o debate da nación- seguirá sendo presidente, pero da nada, dunha lexislatura absurda e baleira", afirmou Feijóo, que emprazou a Sánchez a dar información precisa e detallada sobre como vai aumentar o gasto militar e en que prazos.
Ao seu xuízo, o PP non é o "escollo" para un pacto de Estado de defensa en España, senón que o problema é o Goberno de coalición de PSOE e Sumar e o propio Sánchez. "Non ten unha proposta seria e limpa. Non ten orzamento. Non ten maioría. É que non ten nada", espetou a Sánchez.
"Se non nos dá tempo aos orzamentos de 2025 empezaremos a negociar os de 2026"
En resposta as acusacións de Feijóo sobre os presupostos, Sánchez asegurou que se ao Executivo lle dá tempo a presentar un proxecto de orzamentos para 2025, o fará, e que, se non, empezará a "negociar os de 2026".
"Nós somos os primeiros que queremos actualizalos, por iso estamos a traballar e negociando e, se nos dá tempo, farémolo, se non nos poñeremos a negociar os de 2026", afirmou. Defendeu que pode seguir gobernando coas contas prorrogadas porque están a permitir, dixo, un crecemento récord, que multiplica o dos países veciños.
Tras lembrar que o expresidente 'popular' Mariano Rajoy tamén tivo as contas prorrogadas, do mesmo xeito que sete comunidades autónomas, seis delas gobernadas polo PP, Sánchez quixo "romper unha lanza" polos orzamentos vixentes e prorrogados de 2023, "que son moito mellores que os que nos atopamos en 2018, que eran un desastre", apuntou.
Sumar rexeita o aumento de gasto militar de Sánchez porque "non equivale a máis seguridade"
Sumar, socio do PSOE no Goberno de coalición, rexeitou este mércores o compromiso de Pedro Sánchez de aumentar o gasto militar no marco do plan de rearmamento da Unión Europea xa que, na súa opinión, "España non debe aceptar que máis gasto equivale a máis seguridade".
A portavoz de Sumar no Congreso, Verónica Martínez Barbero, manifestou así a postura do seu grupo parlamentario. Para Sumar, unha seguridade exclusivamente militarizada non só resulta "ineficaz" ante ameazas tan complexas como as que afronta Europa, senón que "erosiona" as bases democráticas do proxecto europeo, e cre que o debate sobre a seguridade europea "non se trata de cambiar unha palabra, senón de cambiar todo un proxecto".
Barbero, advertiu ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que reducir a seguridade a unha "carreira de gasto armamentístico" en Europa sería un "erro histórico", e cargou contra a OTAN, á que define como un "zombi" por ser unha estrutura "obsoleta e inútil".
Así mesmo, debullou que os Estados Unidos deixaron de ser un "socio fiable" e apelou ao presidente que Sumar "non vai aceptar un xogo de suma cero a elixir entre estabilidade e seguridade".
As críticas chegaron tamén desde as bancadas de Podemos. Ione Belarra acusou a Sánchez de ser "o señor da guerra" e cuestionou a promesa do presidente do Goberno de que o aumento do gasto en defensa non repercutirá no gasto social.
Belarra, advertiu ao presidente do Goberno de que "rearmarse ata os dentes" aumenta de forma exponencial o risco dunha terceira guerra mundial, e por iso incidiu en que o que necesita España e a Unión Europea é un plan de "desarmamento". Acusou a Sánchez de ser o único responsable de poñer a España en risco "subíndose a unha carreira armamentística que vai con destino a ningunha parte".
Como resposta, Sánchez botoulle en cara que Podemos formou parte do goberno cando se aumentou o presuposto en materia de defensa en 10.000 millóns anuais, sen que Belarra, que era ministra, dixese nada naquel entón.
O BNG cuestiona as promesas de Sánchez
Por parte do BNG, Néstor Rego asegurou que é necesario apostar pola vía diplomática para evitar conflitos bélicos. O nacionalista cuestionou tamén a promesa de Sánchez en canto a non reducción do gasto social, e preguntoulle cales van ser as súas prioridades.
Rego criticou a corrente armamentística da Unión Europea, que ao seu xuízo fortalece á OTAN, "pon en perigo a estabilidade mundial e implica recortes no benestar da cidadanía europea para alimentar a industria armamentística"".
Fronte a iso, aposta por posicións pacifistas, antimilitaristas e antiimperialistas e por máis investimentos en proxectos industriais racionais Europa, preservando o Estado de benestar. "Este modelo de UE belicista é contrario aos intereses dos pobos de Europa, que verán recortados os seus dereitos e recursos para financiar a industria da guerra", avisa.
Máis críticas doutros socios do Goberno
A portavoz de Bildu no Congreso, Mertxe Aizpurua, advertiu este mércores ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de que "o rearmamento non é unha opción", polo que deixou claro que non apoiarán un aumento do gasto militar. Asegurou que "é urxente afastarse e rexeitar a carreira armamentística" e apostar por abrir o debate "público, sereno, profundo e responsable" sobre o proxecto europeo, non só entre as "elites europeas e mundiais".
Pola súa banda, o portavoz de ERC no Congreso, Gabriel Rufián, reclamou que non se gaste "máis senón mellor" en defensa e que a adquisición de material militar non se faga á industria estadounidense, senón á europea.
Na súa quenda de palabra tras a comparecencia do presidente do Goberno, Rufián manifestou que o "principal problema do rearmamento europeo é que non será europeo", en referencia a que as compras se farán, ao seu xuízo, a industrias doutros continentes.
Rufián pediu ás formacións de esquerdas que sexan conscientes de que a realidade internacional non se afronta con "frases marabillosas e pancartas" porque a figuras como á do presidente norteamericano, Donald Trump ou o seu homólogo ruso, Vladimir Putin, hai que "combatelos" porque "a guerra xa está aquí".
Por iso, defendeu que a solución non pasa por gastar máis en defensa, senón en gastar "mellor" entre outras cousas, optando por un exército común europeo e non por 27 exércitos individuais.
Apoios con matices de Junts e PNV
Un apoio, matizado, veu de Junts, cuxa portavoz, Miriam Nogueras, puxo en valor o talento, a capacidade industrial e a vocación europeísta de Cataluña e mostrouse disposta a implicarse na nova estrutura de seguridade europea "con garantías", sempre que reverta en progreso para a sociedade e a economía catalá.
Desde o PNV, Aitor Estéban pediulle a Sánchez "concreción" e máis "vontade" para acordar o gasto en defensa. Esteban referiuse tamén á división no Goberno sobre o gasto en defensa e entre os grupos parlamentarios que o apoian e destacou a importancia de saber se se conta cunha “maioría ampla” para chegar a un acordo “por encima de alianzas gobernamentais”.
Neste sentido, o portavoz do PNV pediu estar á altura dun momento que “transcende mesmo a gobernabilidade do país” e avisou de que Europa xógase o seu futuro e o dos seus cidadáns.
Pola súa banda, o líder de Vox, Santiago Abascal, acusou a Sánchez de aterrorizar aos cidadáns e de aproveitar a "guerra" para "botarse en mans de China", pero tamén cargou contra Feijóo pola "alianza nefasta" que manteñen populares e socialistas en Europa.
Abascal, reiterou este mércores que a súa formación está a favor de incrementar o gasto en defensa, pero reclamou que se destine á protección das fronteiras españolas, de Ceuta e Melilla e dos intereses nacionais.