Besteiro: "Creo que o proxecto de Altri non é merecedor de fondos europeos"
O líder do PSdeG dixo na Radio Galega que o proxecto da fábrica de Altri en Palas de Rei non é nin sostible nin innovador
Prioriza avanzar cara á gratuidade da AP-9 fronte á transferencia e insta á Xunta a que aplique rebaixas nas autoestradas autonómicas
Sostén que Galicia ten que recuperar o liderado eólico e saúda a sentenza do Supremo que abre a porta a legalizar proxectos
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, amósase convencido de que a factoría que Altri planea instalar en Palas de Rei non reúne os requisitos para recibir fondos europeos.
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, o líder dos socialistas dixo que -na súa opinión- a celulosa non é un proxecto sostible nin innovador, pero recoñeceu que é o Goberno o que ten a última palabra.
"Non encaixa dentro dos prismas de sostibilidade, de innovación empresarial porque a produción desa celulosa non é algo innovador en si mesmo, e ademais dende o punto de vista da xeración de emprego. En todo caso é a opinión de José Ramón Gómez Besteiro, do Partido Socialista, e o Goberno tomará a decisión, loxicamente, como un proceso regulado que é e coa análise dos informes que fagan os técnicos, pero se se dá esa axuda, eu seguirei opinando que non debería darse".
Un día despois da manifestación contra Altri na Pobra do Caramiñal, Gómez Besteiro acusou á Xunta de falta de transparencia e de actuar como un axente comercial do proxecto da pasteira portuguesa.
Avanzar cara á gratuidade da AP-9
O líder dos socialistas galegos fixa a gratuidade da autoestrada AP-9 como un dos grandes obxectivos, unha vez que o Congreso aparcou o debate sobre a súa transferencia. Puxo de relevo que as bonificacións do Goberno chegan este ano ao 75 % e que a idea é seguir avanzando ata que sexan do cen por cento.
"Eu creo que é o que realmente queren os galegos e galegas, que a AP-9 sexa gratuíta, que se levanten as peaxes, fronte á transferencia, que non digo que non sexa importante, pero cando a un galego ou galega lle preguntan: vostede que quere, que sexa gratuíta ou que sexa de titularidade de Galicia (...). Mire, primeiro que sexa gratuíta e despois que sexa nosa, que sexa de titularidade dos galegos e das galegas".
Besteiro puxo de relevo que esas mesmas bonificacións (do 75 %) se estenderán nos próximos días -por primeira vez- á autoestrada AP-53, que une Santiago con Lalín. Nese senso, instou á Xunta a que faga o propio e avance tamén cara á gratuidade das autoestradas de titularidade autonómica.
"Está moi ben pedir a gratuidade da AP-9, pero tamén que as autovías que ten Galicia e que xestiona Galicia, como son a AG-55 e a AG-57, a da Costa da Morte e a do Val Miñor, pois que tamén deberiamos avanzar para dicirlle a todo o mundo que somos coherentes co que pedimos a Madrid e que tamén somos capaces de facelo aquí en Galicia coas nosas propias autoestradas, e que por tanto, liberemos de peaxe as que son nosas".
Aposta polas enerxías renovables
Na entrevista da Radio Galega, José Ramón Gómez Besteiro apostou porque Galicia recupere o terreo perdido e volva ser a primeira potencia eólica de España. Nese senso, cre que a sentenza do Tribunal Supremo, que avalou o parque de Campelo e abre a porta a desbloquear outros proxectos parecidos, vai na boa dirección.
"Pois efectivamente temos que abrazar estas decisións de forma moi positiva (...). Aquí non se poden ter dúbidas, senón que hai que apostar claramente polas renovables, porque vai permitir que Galicia sexa un centro de moita produción de enerxía eléctrica e -sobre todo tamén- desas enerxías renovables do futuro, véxase o hidróxeno, vinculadas a proxectos industriais que xeran riqueza e empregos".
Expulsión dos catro edís críticos en Santiago
Sobre a expulsión dos edís en Santiago, o secretario xeral do PSdeG explica que se aplicaron as normas internas e que o partido xa está centrado agora en traballar para recuperar a confianza dos composteláns nas municipais de 2027.
"O Partido Socialista de Galicia ten a súa aposta presentada no futuro e no proxecto para recuperar a confianza dos cidadáns, que perdemos hai dous anos e que queremos recuperar no ano 27 para avanzar cara a esa gran cidade que hoxe -eu creo- está funcionando ao ralentí (...). Nós estamos moi centrados en recuperar esa confianza dos cidadáns e en traballar nun proxecto forte para Compostela, que sexa merecedor desa confianza dos veciños e veciñas de Compostela".