O TS inadmite os recursos contra a paralización dos parques eólicos de Pico Seco e Rodeira
O Supremo considera que a Xunta e as empresas promotoras non achegan suficiente fundamentación xurídica contra as paralizacións cautelares
Adega afirma que a decisión do Supremo é un bo precedente para consolidar a paralización cautelar doutros proxectos eólicos

A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo inadmitiu os recursos de casación presentados contra as paralizacións cautelares dos proxectos eólicos de Pico Seco e Rodeira, que se suman tamén aos de Troitomil e Ventumelo.
Así o informa Adega no caso dos tres primeiros. Nun comunicado remarca que son proxectos eólicos que afectan a espazos protexidos, fauna vulnerable e recursos hídricos esenciais para a poboación.
"O Supremo conclúe que a Xunta de Galicia e as empresas promotoras recorrentes non achegan suficiente fundamentación xurídica contra as paralizacións cautelares", remarca a organización ecoloxista.
Segundo indican: "Esta resolución é firme e apoia as medidas de suspensión cautelar adoptadas polo TSXG, impedindo o inicio de obras dos polígonos eólicos mencionados ata que non medie unha sentenza xudicial que resolva os recursos contencioso-administrativos interpostos por Adega en que se avalía a legalidade dos proxectos".
Adega afirma que a decisión do Supremo é un bo precedente para consolidar a paralización cautelar doutros proxectos eólicos.