Urovesa prevé medrar un 50 % nos próximos dous anos
A empresa galega, contratista preferente do Ministerio de Defensa, entregará en 2025 uns 150 vehículos Vamtac para as Forzas Armadas
Nos próximos meses negociarán o novo convenio marco co Goberno, nun contexto de incremento do gasto militar internacional
Fan vehículos para o Exército, de alta mobilidade táctica. Os Vamtac son o vehículo máis versátil e internacional de Urovesa. Os responsables da empresa, xunto con representantes do Goberno e do Exército, asistiron este luns a unha demostración sobre o terreo, no campo de probas que a empresa galega ten en Valga.
"Imos seguir traballando nun vehículo que é moi maduro, que está dando resultados excelentes tanto en territorio nacional coma nas misións internacionais en que se despregan as nosas Forzas Armadas", anunciou Justo Sierra, o presidente de Urovesa.
En 2025, prevén a entrega duns 150 vehículos máis deste tipo, con modelos adaptados e versátiles para os tres exércitos. Pero o Goberno e a empresa galega están xa a preparase para os novos desafíos. O anunciado incremento do gasto militar en Europa, xunto co aumento da demanda tamén en terceiros países, provocará en dous anos un crecemento da produción do 50 por cento.
"As expectativas que temos para os próximos anos, xa que formamos parte do sistema de defensa de España e Europa, temos que ter capacidade de reacción ante as ameazas que estamos vendo. Probablemente teñamos un aumento da demanda dun 50% de aquí a dous anos", declarou Sierra.
"A colaboración estreita entre Urovesa e o Goberno de España supuxo nos últimos anos máis de 170 millóns de euros. E estamos acreditando unha liña ascendente nos últimos anos, en canto a pedidos, en canto a capacidade e tecnoloxía", engadiu Pedro Blanco, o delegado do Goberno en Galicia.
Urovesa ten hoxe 330 empresados e calcula que xera por cada emprego outros catro na industria auxiliar, provedores a maioría deles galegos, cos que tamén están en contacto para afrontar o futuro crecemento.