Denuncian roubos continuos no barrio da Ponte en Ourense
Comerciantes e veciños din que a inseguridade e a delincuencia aumentaron dende que a estación de autobuses veu para a zona
Inseguridade e moito medo é o que di sentir a veciñanza de dous barrios de Ourense: A Ponte e O Vinteún.
Denuncian que dende que aumentou o tránsito na estación de tren e autobuses, os actos vandálicos e delituosos son diarios.
Na noite deste luns, uns descoñecidos romperon un escaparate dun negocio e levaron o que había de valor. Unha veciña do edificio sentiu un ruído, saíu pola ventá, e ao berrarlles fuxiron, pero xa puideran coller un importante botín. Eran tres homes.
É o último roubo dos que acontecen case a diario nos barrios ourensáns da Ponte e O Vinteún. A unha tenda de roupa de nenos atracárona xa catro veces, unha delas craváronlle unha xiringa á dependenta.
O medo dos comerciantes está tamén na veciñanza. Din que a inseguridade e a delicuencia aumentou dende que a estación de autobuses veu para A Ponte.
Fartos desta situación, non poden máis, piden solucións.
A Policía Nacional di que está investigando estes últimos roubos para poder dar cos autores.