Un comercio de Viveiro vai solicitar a aplicación do dereito de admisión para unha clienta que os roubou
Un comercio de Viveiro vai solicitar a aplicación do dereito de admisión para unha clienta que os roubou
As gravacións das cámaras de seguridade indican que esta persoa entrou no probador con dúas pezas que desapareceron da tenda
Os furtos están á orde do día nos establecementos comerciais. Fartos das subtraccións, un comercio de Viveiro vai solicitar administrativamente poder aplicar o dereito de admisión para impedir a entrada a unha persoa que foi gravada polas cámaras de seguridade roubando un pantalón e un xersei.
Acababan de estrear colección e sabían que tiñan todas as medidas. Así foi doado decatarse de que faltaba un xersei e un pantalón. Inmediatamente chamaron á central de alarmas que xestiona a seguridade do local e, na revisión das cámaras, atoparon a autora do furto.
Ana María Gómez Martínez, unha das propietarias, conta que ese día chegou as oito da mañá á tenda para deixar toda a roupa dobrada e preparada. "Ás dez e media saín para tomar un café e cando regresei ás once había unhas etiquetas tiradas nun probador. Agardei por se aparecían as pezas e, como non foi así, revisei as cámaras de seguridade. Alí comprobei como esta muller entraba con esas dúas pezas que faltaban e saía do probador sen nada nas mans".
Non presentaron denuncia ante a policía para evitar os trámites administativos por un furto de 90 euros. Fixeron público o caso a través das redes sociais. Sen publicar a imaxe da autora da subtracción, advirten que fan valer o seu dereito de admisión e prohiben a entrada desta muller no seu negocio.
"Tíñamos a intención de publicar en redes as imaxes desta muller entrando no probador coa súa imaxe pixelada. Pero dixéronos que iso vulnera a lei porque pode recoñecerse, pero tamén outras persoas poden descubrir a identidade. Así que, decidimos facer a publicación sen a imaxe dela pero cunha advertencia da presenza de cámaras de vixilancia".
Mándanlle unha mesaxe: Chamarán á policía se entra pola porta. E van solicitar administrativamente poder exercer o dereito de admisión e non permitirlle nunca máis o acceso á tenda.