Identificados dous homes en Biscaia por sacaren diñeiro de caixeiros de forma fraudulenta
A Garda Civil estima que pode haber un cento de vítimas por toda España, unha delas na Coruña

A Garda Civil de Biscaia identificou dous homes como presuntos autores dun delito de estafa continuada, ao extraeren diñeiro de maneira fraudulenta en caixeiros automáticos, con vítimas en varias provincias españolas, como na Coruña.
Segundo a benemérita, a investigación enmárcase dentro dunha operación denominada Sancire e, no momento da súa identificación, estas dúas persoas xa se atopaban baixo a investigación da Garda Civil de Barcelona e doutros corpos policiais por realizaren estafas similares.
A banda enviaba de forma masiva un SMS simulando ser unha entidade bancaria no cal se informaba ás vítimas do inicio de sesión na súa aplicación do banco desde outro dispositivo, polo cal, debía acceder á ligazón adxunta na mensaxe para comunicar que eles non iniciaran sesión.
Unha vez que accedían á devandita ligazón, mostrábase unha sesión da entidade enmascarada, e, ante a súa aparencia real, a vítima facilitaba de maneira involuntaria as claves de acceso aos autores da estafa. Seguidamente e para acabar de autenticarse, debían de introducir unha clave que ían recibir en breve noutro SMS.
Os estafadores, coa información obtida con estas dúas mensaxes, achegábanse rapidamente a un caixeiro da entidade e solicitaban a extracción de 200 euros (cantidade máxima que dispensa un caixeiro para extraccións sen tarxeta física na data de ocorrencia dos feitos.
O caixeiro xeraba unha clave para completar a extracción e enviábaa mediante SMS ao número móbil asociado á conta da vítima, que facilitaba de maneira involuntaria aos estafadores a terceira clave. Estes lograban así extraer o diñeiro e completar a estafa bancaria.
A investigación realizouse a mediados de febreiro e, tirando do fío, os axentes corroboraron que a banda estafara dúas persoas da provincia de Santa Cruz de Tenerife, un veciño da Coruña e outro de Xaén, Burgos, Salamanca e o Principado de Asturias.
A Garda Civil non desbota que poida haber máis vítimas, que superen o centenar en todo o territorio nacional, xa que o envío de SMS foi masivo.