Publicador de contidos

Publicador de contidos

Conceden a viuvez polo seu exmarido a unha vítima de violencia machista que non o denunciou

Conceden a viuvez polo seu exmarido a unha vítima de violencia machista que non o denunciou

O Xulgado do Social Número 3 de Vigo denegáralle a pensión, pero a sentenza da Sala do Social do alto tribunal galego dálle a razón ao advertir de que a ausencia de denuncias previas non se pode considerar como unha actuación irrazoable e menos como unha proba excluínte da violencia de xénero cando todos os demais datos indiciarios apuntan cara á súa existencia

A sentenza, que outorga o dereito da muller ás prestacións de viuvez e condena ao seu aboamento ao Instituto Nacional da Seguridade Social, non é firme, debido a que cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo

G24.gal 17/03/2025 11:57

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia estimou o recurso interposto por unha muller vítima de violencia machista e declarou o seu dereito á prestación de viuvez polo falecemento do seu excónyuge a pesar de que non denunciase penalmente ao home nin acudise ao sistema institucional de protección.

O Xulgado do Social Número 3 de Vigo denegáralle a pensión, pero a sentenza da Sala do Social do alto tribunal galego dálle a razón ao advertir de que a ausencia de denuncias previas non se pode considerar como unha actuación irrazoable e menos como unha proba excluínte da violencia de xénero cando todos os demais datos indiciarios apuntan cara á súa existencia.

Os maxistrados consideran que os feitos acreditados na resolución de primeira instancia deseñan un escenario familiar conflitivo, en que se mesturaba, ademais, o alcoholismo do exesposo da demandante, que daba lugar a situacións violentas presenciadas polo fillo común. A muller iniciou un proceso de separación que a levou a consultar coa asesora xurídica do centro municipal de información dos dereitos da muller do Concello de Vigo, a quen lle manifestou a existencia de malos tratos psicolóxicos.

Agora, o TSXG sinala que nada fai deducir que esa manifestación da muller fose incerta, interesada ou espuria. En todo caso, a crise matrimonial reconduciuse a un mutuo acordo, que, pola propia situación económica da familia, non deixou a vítima de violencia machista en boa situación económica, o cal, xunto á súa discapacidade, lle permitiu o acceso a prestacións non contributivas.

Os xuíces sosteñen que a muller se atopa nunha situación en que se combinan varias causas de vulnerabilidade que, en maior ou menor medida, estaban presentes tamén durante a vixencia do matrimonio. A sentenza, que outorga o dereito da muller ás prestacións de viuvez e condena ao seu aboamento ao Instituto Nacional da Seguridade Social, non é firme debido a que cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade