Publicador de contidos

Publicador de contidos

Suspendido de forma cautelar o permiso para verter ao río augas das minas de San Fins

Suspendido de forma cautelar o permiso para verter ao río augas das minas de San Fins

Na resolución consta que as verteduras afectan á Rede Natura 2000, sen que a Administración ou a mineira valorasen esa afección

A Xunta lembra que a autorización de verteduras da Mina de San Fins foi revogada en abril de 2024

G24.gal 07/03/2025 18:31

A sección terceira da sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou a suspensión cautelar da autorización de verter ao río Pesqueira ou rego de Rabaceiros augas residuais procedentes das minas de San Fins (Vilacoba), ditada por Augas de Galicia en febreiro de 2023.

Segundo a sentenza do 28 de febreiro que publicou este venres o TSXG, a sala estimou a apelación interposta pola Confederación Ecoloxistas en Acción contra a resolución do 30 de novembro de 2023 do Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Santiago de Compostela que lle denegou a solicitude de suspensión cautelar das verteduras procedentes da mina de estaño e volframio.

Na resolución consta que as verteduras afectan á Rede Natura 2000, sen que a Administración ou a mineira valorasen esa afección.

Así, segundo a sentenza, “o principio de precaución que inspira o dereito ambiental supón que, ante tal incerteza, teña que adoptarse a protección do medioambiente respecto a zonas da Rede Natura 2000”.

Nese sentido, na resolución destácase que o apartado 6.3. da Directiva 92/43/CEE do Consello sobre conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres impón, en aplicación do principio de cautela, “que debe quedar demostrada, antes da aprobación dun proxecto, a ausencia de efectos negativos en tales ámbitos, sen poder ser autorizado se existe incerteza, principio de precaución consagrado no artigo 191 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea”.

Na sentenza indícase que, neste caso, “non se realizou unha DIA nin do proxecto de verteduras nin do mineiro, polo que resulta imprescindible a adopción cautelar para evitar danos ambientais irreparables, que ha de realizarse con carácter previo á aprobación do plan ou programa”.

A iso engádese que os efectos da contaminación da ría Noia-Muros sobre a actividade económica da zona son, segundo a resolución, “indubidables, ao resultar notoria a afectación á actividade marisqueira, que constitúe un dos motores económicos da comarca, polo aumento dos metais pesados”.

A sentenza non é firme, pois cabe interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

A Xunta lembra que a autorización de verteduras foi revogada en abril de 2024

A Xunta de Galicia sostivo que o fallo coñecido este venres non ten efecto algún, xa que esta xa fora revogada en abril de 2024.

De igual modo, desde o punto de vista mineiro, a Xunta sinala que tras a revogación da autorización da vertedura por parte de Augas de Galicia, a Consellería de Economía e Industria iniciou un procedemento para a declaración de caducidade dos dereitos mineiros, proceso que está en tramitación agora mesmo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade