Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Audiencia da Coruña condena a 9 anos de cárcere un home por abusar sexualmente da súa sobriña menor de idade

A Audiencia da Coruña condena a 9 anos de cárcere un home por abusar sexualmente da súa sobriña menor de idade

Os episodios de abusos producíronse durante anos e de maneira frecuente

A vítima, cando xa era maior de idade, trasladouse a vivir fóra de España e en 2022 denunciou ao seu tío, ao darse conta, por un episodio fortuíto que lle fixo ser consciente, de que fora unha nena abusada

Audiencia Provincial da Coruña Audiencia Provincial da Coruña
G24.gal 25/02/2025 15:33

A Audiencia Provincial da Coruña condenou a 9 anos de prisión un home como autor dun delito continuado de abusos sexuais sobre a súa sobriña, menor de idade, e impúxolle o pago dunha indemnización de 60.000 euros, así como a prohibición de achegarse á vítima ou comunicarse con ela durante 14 anos.

O tribunal considera probado que o acusado, durante varios anos, abusou sexualmente da súa sobriña, con quen coincidía nun bar que rexentaba, e en domicilios familiares. Así, aproveitando momentos en que estaba só coa nena foise gañando a súa confianza e empezou por introducir nas súas conversacións temas de contido sexual.

Co paso do tempo, empezou a mostrarlle películas e fotografías de contido sexual explícito e logo pasou aos bicos e tocamentos, á masturbación mutua, ata que, cando a nena tiña uns 17 anos, comezou a manter relacións sexuais con penetración. Os episodios de abusos producíronse durante anos e de maneira frecuente.

A vítima, cando xa era maior de idade, trasladouse a vivir fóra de España e en 2022 denunciou ao seu tío, ao darse conta, por un episodio fortuíto que lle fixo ser consciente, de que fora unha nena abusada.

A Audiencia dá credibilidade ao relato da vítima e descarta que os feitos delituosos houbesen prescrito. Ademais, tivo en conta o informe da psicóloga que trata á nova, e as declaracións de varias testemuñas, que explicaron como ela contoulles que se deu conta de que o seu tío abusara dela cando era nena.

A sentenza non é firme, e pode ser recorrida en apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade