Reflotado o pesqueiro que se afundiu no porto de Ribeira
Investíganse as causas do naufraxio, que non causou vítimas porque non había ninguén dentro do barco
Unha empresa especializada en traballos portuarios, contratada pola armadora, conseguía sacar a flote o pesqueiro que se afundía esta mañá no porto de Ribeira, despois dunha hora de traballo.
Mentres, efectivos de Salvamento Marítimo e de Gardacostas despregaban barreiras anticontaminación para controlar a vertedura de aceites e combustible do barco.
"Tivemos bastante sorte porque as condicións metereolóxicas axudaron a que o vento e as correntes mantivesen o hidrocarburo na lámina do porto"., di o xefe de servizo de Gardacostas de Galicia.
O pesqueiro 'Illas Cíes', de 10 metros de eslora, afundiuse este sábado pola mañá cando estaba atracado en Ribeira, o seu porto base. O naufraxio non causou vítimas, xa que a bordo do barco non había ninguén. A radiobaliza saltou ás sete da mañá sen que, de momento, se coñezan as causas do sinistro.
"Hai moitas circunstancias: un pequeno obxecto que se mete nunha bomba, un macho de fondo que quedou aberto ou que se furou e vai entrando auga, ou polo vento mesmo que batera contra o peirao ou contra unha escaleira", di o Patrón maior de Ribeira, Xosé Antonio Pérez Sieira.
Segundo o alcalde, Luís Pérez Barral, "Estase mirando se pode ser que un macho de fondo rompera e inundara o barco, pero tamén nos dicían que atoparan a porta un pouco aberta, as luces acendidas. E iso fai pensar mal".