Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un home sofre feridas nunha man no incendio do seu piso en Cedeira

Un home sofre feridas nunha man no incendio do seu piso en Cedeira

Un cirio prendido que caeu nun sofá parece ser a orixe do lume

O edificio quedou precintado á espera de que se avalíen os posibles danos estruturais

G24.gal 02/03/2025 14:03

En Cedeira, un home sufriu queimaduras nunha man no incendio da súa vivenda, que permanece precintada por seguridade á espera de que os técnicos municipais avalíen posibles danos na estrutura do edificio. Sucedeu no Camiño Real da Madalena.

Emerxencias recibiu o aviso minutos antes das seis da mañá. Os efectivos de Protección Civil de Cedeira foron os primeiros en chegar ao lugar e en iniciar os traballos de extinción do lume coa motobomba municipal. 

"Ao principio afectaba a unha estancia. A primeira intervención foi tratar de evitar que se estendese a outras partes da vivenda e a outros pisos e despois sufocar ese cuarto que estaba ardendo", relata Alberto Díaz, xefe de Protección Civil de Cedeira.

O GES de Ortigueira e os bombeiros das Pontes sumáronse despois á intervención, que se deu por concluída pasadas as oito da mañá. O único ocupante do piso foi trasladado ao hospital Arquitecto Marcide con queimaduras nunha man. 

"O propietario dixo que tiña un cirio prendido no cuarto e que posiblemente caeu no sofá e provocou o incendio", explican desde Protección Civil.

O irmán do home ferido durmía na planta baixa e puido saír da casa sen problemas. Non había ninguén máis no edificio, precintado pola Garda Civil por razóns de seguridade. Agárdase que nas próximas horas os técnicos municipais poidan avaliar os posibles danos estruturais no edificio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade