Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Fiscalía abre dilixencias contra a directora de Augas de Galicia por verteduras da mina de San Finx

A Fiscalía abre dilixencias contra a directora de Augas de Galicia por verteduras da mina de San Finx

Augas de Galicia prorrogou as obras da empresa, polo que a vertedura de case 1.000 millóns de litros anuais podería comezar a partir do 12 de agosto

A Xunta colaborará coa Fiscalía sobre San Finx e di que se abren moitas investigacións

G24.gal 20/07/2023 14:38

A Fiscalía de Medio Ambiente da Coruña abriu dilixencias de investigación contra a directora de Augas de Galicia Teresa Gutiérrez e outros cargos do seu departamento en relación coa autorización de verteduras do pasado mes de febreiro concedida á mina de San Finx, no municipio de Lousame.

A fiscala de Medio Ambiente na Coruña insta a que se tome declaración en calidade de investigados a Teresa Gutiérrez e outros cargos de Augas para determinar se procede esixir algún tipo de responsabilidade penal en relación con estes feitos.

Neste sentido, estas dilixencias preprocesuais abríronse por mor de denuncias realizadas polas confrarías de pescadores de Noia e Portosín e por Ecoloxistas en Acción, en que se alertaba do "modo irregular en que se concedeu a autorización de verteduras e da omisión por parte de Augas de Galicia tanto do control e sanción de verteduras xa existentes como da obrigación de cobrar á empresa mineira o canon do control de verteduras, que ascende a máis de 30 millóns de euros".

Fiscalía tamén recolle denuncias por verteduras ilegais que cursaron ante o Seprona as confrarías, que neste caso achacan á filial da empresa australiana Pivotal Metals e os seus administradores.

Nun comunicado, tanto as confrarías como Ecoloxistas en Acción demandan ao presidente da Xunta Alfonso Rueda e á conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez que estes cargos sexan apartados "inmediatamente" dos expedientes relativos á mina de San Finx ante "o risco de destrución de probas e o evidente conflito de intereses nos trámites en curso".

Lembran que "este mes a directora de Augas de Galicia acordou conceder unha prórroga á empresa mineira australiana para completar as infraestruturas de vertedura, despois de que esta incumprise o condicionante de finalizar as obras en catro meses". "Deste xeito, a vertedura de case 1.000 millóns de litros anuais podería comezar a partir do 12 de agosto, inxectando metais pesados á ría de Muros e Noia, onde miles de familias dependen da calidade das augas e dos bancos de marisqueo para o seu sustento", agregan.

Paralelamente a esta investigación de Fiscalía, hai varias causas penais abertas en relación á mina de San Finx, tales como as dilixencias contra o exdirector xeral de Minas Ángel Bernardo Tahoces, que deberá declarar en Santiago xunto con outros funcionarios investigados, e tamén contra a propia empresa mineira e os seus administradores. 
 

A Xunta colaborará coa Fiscalía

O presidente da Xunta Alfonso Rueda asegurou que a administración colaborará na investigación aberta sobre a mina de San Finx, aínda que subliñou que a Fiscalía “abre moitas investigacións”.

Respecto diso, Rueda sostivo que a administración autonómica cumprirá coa súa “obrigación” e estará á disposición “simplemente se se nos require algunha actuación”.

Con todo, remarcou que a Fiscalía abre moitas investigacións, polo que non se pode adiantar o resultado destas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade